A Deputación presenta o libro ‘Ramón Ocaña, o fotógrafo de Cangas do século XX’

A deputada de Patrimonio María Ortega puxo en valor o traballo realizado pola Asociación Cultural A Cepa ao recoller unha escolma da obra do autor, parte dela exposta dende hoxe ata o domingo na Capela do Hospital

02/12/2022

Ocaña

A deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega participou hoxe na inauguración da exposición ‘Os Ocaña, unha saga de fotógrafos’ e na presentación da publicación ‘Ramón Ocaña, o fotógrafo de Cangas do século XX’, proxecto polo que a Asociación Cultural A Cepa recibiu unha subvención da Deputación neste ano 2022.

A deputada nacionalista puxo en valor o traballo do colectivo polo traballo de recuperación da obra de Ramón Ocaña, a quen cualificou como o máis importante fotógrafo da vila de Cangas do século XX. A publicación auspiciada polo organismo provincial, lembrou a nacionaista, consistiu na dixitalización, selección e realización da edición impresa dun volume cunha escolma do seu traballo.

Segundo a responsable provincial, a Deputación subvencionou o libro por  cumprir as bases de axudas para fomentar a difusión de “traballos que terían difícil saída dentro do mundo comercial, pero que son considerados de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo, principalmente na provincia de Pontevedra”.

O libro foi elaborado coas fotografías conservadas en álbums familiares, nos museos e no arquivo da asociación A Cepa, creado coas doazóns de moitas persoas e familias de Cangas, ao longo dos últimos 25 anos. Deulle forma un equipo formado polos fotógrafos e estudosos Borja Brun, Xela Cuñarro, Xosé L. Lorenzo (Colón) e Fernando Cuñarro.

Nas máis de 100 páxinas (nunha tirada de 250 exemplares) recóllense máis de 400 fotografías recortadas e escollidas en alta calidade, estruturadas en tres grandes capítulos: o primeiro conta a biografía de Ramón Ocaña e familia con fotos familiares, o segundo fala do seu traballo en Cangas, e o terceiro amosa postais da vila do Morrazo.

Na solicitude da subvención á Deputación, lembrou a deputada, incluíase a presentación do libro acompañando unha exposición fotográfica e a proxección dun audiovisual sobre a vida e a obra do fotografo na Capela do Hospital de Cangas, tal e como se celebrou hoxe. A mostra estará aberta ata o vindeiro domingo 4 de decembro en horario de 11 a 13 horas e de 17 a 19.30 horas polas tardes.

Segundo lembraron dende o colectivo A Cepa “hai cidades e vilas afortunadas que tiveron destacados fotógrafos que as inmortalizaron para sempre nos seus retratos: Vigo (Pacheco), Pintos (Pontevedra), Gil (Ourense), Ksado (Compostela), Caamaño (Muxía), Vieitez (Soutelo de Montes) e... Cangas a Ramón Ocaña”.

Explicaron que o fotógrafo Ramón Ocaña naceu en Bilbao no ano 1881 mais foi cangués de adopción e converteuse no fotógrafo máis importante que tivo Cangas. Apaixonado da fotografía exerceu, dixeron, outras actividades no Bar Lyon e no popular salón de Baile Danubio Azul.

Nos seus retratos e nas súas postais, testemuñas gráficas dunha época, reflexou maxistralmente a vida da vila. Formou parte dunha saga de fotógrafos, a familia Ocaña, que traballaron ao longo de varias décadas en varias localidades galegas, sendo unha familia de fotógrafos que compartiron con nós os anos finais do século XIX e os primeiros anos do XX.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.