Fotos, nomes e contexto para tirar por terra o relato propagandístico do réxime “e construír unha sociedade máis democrática, equitativa, sen caciques nin prebendas”
A Deputación presentou hoxe ‘Desmontando a propaganda franquista’, “a publicación máis ambiciosa” do departamento de Memoria Histórica que recolle máis de 300 imaxes e 20 artigos de persoas investigadoras
30/11/2022
A Deputación de Pontevedra presentou hoxe o libro ‘Desmontando a propaganda franquista’, unha publicación con máis de 300 imaxes de actos de loa ao réxime entre os anos 1951 e 1959, cos nomes dos líderes do Movemento naquel entón e a súa contextualización histórica. Trátase dunha publicación que busca tirar por terra o relato propagandístico que a ditadura quería impoñer sobre a súa lexitimación e “modernidade” supostamente acadada na provincia de Pontevedra.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega subliñou o desexo de que o libro, que definiu como a publicación máis ambiciosa do departamento de Memoria provincial, sirva para espertar sobre todo en novas xeracións investigadoras “a arela de saber” que quixeron inocular na sociedade de principios do século pasado o Seminario de Estudos Galegos, a Institución Libre de Enseñanza ou o maxisterio esmagado polo fascismo.
“Para iso fixemos este libro: non se trata de saldar contas co pasado senón de ofrecerlle ao futuro unha visión poliédrica da historia, afastada do relato único e tramposo que perpetuou o franquismo. Porque, como tan ben se explica no libro, daqueles pos ven esa lameira na que hai quen se empeña en converter a política. Atoparedes na súa lectura moitos apelidos daquela que seguen resoando hoxe. E con eles, os seus xeitos caciquís de facer política”, destacou .
Explicou Ortega que para non perpetuar o relato franquista era preciso contextualizar as imaxes da Xefatura do Movemento na década dos 50 das que dispón o Arquivo provincial, e que persoas expertas explicasen o que se ve pero tamén o que non se ve nelas, e coñecer “como a ditadura cambiara aquela sociedade solidaria que a xente do común pretendeu implantar a principios de século, por un sistema caciquil e corrupto onde a equidade era substituída por caridade, previa xenuflexión ante o señorito ou o gobernador civil”.
“Nós entendemos –dixo a nacionalista- que só desmontando a súa propaganda, conseguiremos construír unha sociedade máis democrática e equitativa, sen caciques nin prebendas. Unha sociedade que forme á nosa mocidade nos valores de equidade, transparencia e xustiza social que esixe calquera democracia”.
Vinte artigos, do xeral ao concreto
Na presentación do libro, que inclúe textos xenéricos sobre propaganda e concretos sobre as comarcas da provincia- participaron como relatores o responsable de fondos audiovisuais do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, José María Cumbraos; a escritora e técnica provincial Montse Fajardo; e un dos vinte autores participantes na obra colectiva, Antón Mascato, quen fixo unha lembranza da propaganda no Val do Salnés.
Cumbraos explicou que a presentación de ‘Desmontando a propaganda franquista’ é a última etapa dun ciclo que se iniciou coa catalogación e dixitalización do arquivo da Jefatura Provincial del Movimiento de Pontevedra, con 971 fotografías dispoñibles para consulta en AtoPO na época na que foron gobernadores civís Elías Palao, Alberto Martín e Rafael Fernández.
Todas as imaxes –dixo - reflicten a necesidade do Movimiento por controlar a información e consolidar diante da opinión pública o cariz ideolóxico do novo estado: a fotografía adquire unha función de ferramenta de propaganda e “incluso as pretensións renovadoras logo da Guerra Civil xustifican o seu uso como ‘canal propio de la modernidad’”.
Ademais da peza de Cumbraos o libro recolle outros artigos, como o de Ana Cabana, que fala da fotografía como o medio de plasmar e probar o respaldo social que validaría ao franquismo como estado de dereito, dando aparencia de lexitimidade a pesares de que a natureza represora do sistema non mudara. “Todo trasloce escenificación (...) . Son imaxes nas que a autoridade aparece rodeada de veciñanza con caras alegres e expresións que irradian compracencia, despreocupación e benestar”, asegura a autora.
Seguen no libro outros artigos de Dionisio Pereira e Lola Varela, que falan sobre a ‘Fotografía social e memoria histórica’, subliñando a importancia de que as imaxes da infamia, ou as manipuladas e desvalorizadas vexan a luz, para evitar a desmemoria. Tamén está o artigo de Marcelino Abuín, quen fala da Falanxe ‘Baixo a sombra de José Antonio’; Lucio Martínez Pereda, con ‘Teatros de propaganda memorialística falanxista en Pontevedra’; Xoán Carlos Garrido, que versa sobre ‘A igrexa franquista’; María Victoria Martins, con ‘A muller no franquismo’; Xosé Álvarez Castro, quen escribe sobre ‘ O lazareto de San Simón. Entre a memoria e o esquecemento’; ou Xosé Enrique Acuña, con ‘Retrato necesario da Pontevedra Satisfeita e eufórica coa ditadura’.
Na segunda parte, na que se poñen nomes e contexto en comarcas da provincia escriben tamén Dionisio Pereira e Lola Varela sobre as fotofrafías do Movemento en Pontevedra, Cerdedo e Forcarei, Manu Igrexas sobre a comarca do Deza; Antón Mascato sobre o Val do Salnés; Pepe Novas, sobre o Morrazo; Xoan Carlos Abad, sobre Vigo; Xosé Paz Antón, sobre Salceda de Caselas, O Porriño e Mos; Xosé Lois Vilar, do Val Miñor, Carlos Méixome, Baixo Miño; Natalia Jorge, Tomiño; e Carmen Corgo, directora do Arquivo Histórico Provincial, que lanza anzol para futuras investigacións a través da documentación que atesoura o organismo estatal.
O Val do Salnés
O investigador Antón Mascato, editor e presidente da Asociación pola Memoria Histórica do Grove, explicou o eixo do seu artigo no libro. Destacou como en cada acto municipal, salón de plenos, homenaxe aos ‘caídos’, ou calquera outra manifestación da vitoria do réxime convivían os retratos de Franco e Primo de Rivera, e lembrou a mellora das oficinas de prensa e propaganda para, incluíndo a fotografía, estar presentes en calquera inauguración por mínima que fose, entregas de placas de homenaxe, ou de cadeiras de rodas a persoas con discapacidades.
Apuntou que no que se refire ao Val do Salnés, do arquivo do Goberno Civil hoxe propiedade da Deputación, consérvanse imaxes de Vilagarcía, do acto do aniversario do mitin de José Antonio, e tamén de xentes do Grove, Cambados, Vilanova, Illa de Arousa, Ribadumia, Meaño e Meis.
Como exemplo, Mascato falou das fotografías de veciñanza do Grove na homenaxe ao gobernador José Solís Ruíz, nas que se ven pancartas con lemas como ‘Franco, tus mariscos seguimos en pie de guerra contra todo enemigo del interior o del exterior. Esperando tus órdedes. ¡¡Arriba España!! Jefatura local de El Grove’. “Tus mariscos”, explicou o investigador, aludía aos voluntarios fascistas galegos que interviran na guerra de Asturias e por extensión aos que foron na División Azul.
No artigo de Mascato tamén lembra a comitiva de 1957 en Cambados, co gobernador civil Rafael Fernández á fronte, nunha xornada na que a xente do común e moitas crianzas foran liberadas teren que ir á escola. Así mesmo, tamén se recolle o acto de novembro do 57 en Vilanova onde no Cine Coliseo coas bandeiras falanxistas e españolas reviradas, a xente estaba atenta “moi seguramente polo reparto das vivendas sociais –casas baratas-“.
En ‘Desmontando a propaganda franquista’ hai tamén outro capítulo, o de Marcelino Abuín, no que se fai referencia expresa a Vilagarcía de Arousa. O autor céntrase na análise das numerosas fotografías tomadas durante varios anos no acto na vila do Salnés coincidindo co aniversario do mitin que José Antonio deu o 17 de marzo de 1935 no Teatro Cervantes do municipio, acto que algúns estudos consideran fundacional das Falanges galegas. Nel analiza de forma pormenorizada o uso que fai a ditadura da simboloxía, tema tamén presente no capítulo de Abuín, que achega ao coñecemento do partido único da ditadura