Demos, meigas, santos e milagres, hoxe en A Estrada da man da escritora Clara Iglesias Cortizo

A deputada María Ortega participa na presentación do libro ‘A Estrada encantada. Contos, mitos e lendas’, publicado pola editorial da Deputación

29/09/2022

Cartel A Estrada Encantada  

O culto ás pedras e á auga, tesouros ocultos, demos, meigas, santos e milagres, mouros, mouras e demais elementos que conforman a verdadeira mitoloxía popular galega, estarán este venres en A Estrada da man da escritora Clara Iglesias Cortizo. E farano grazas á presentación do seu último libro, 'A Estrada encantada. Contos, mitos e lendas', publicado pola editorial da Deputación de Pontevedra, que se presenta ás oito da tarde de mañá no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MoME).

O acto contará coa presenza da autora Clara Iglesias Cortizo, que xa ten no seu haber outras publicacións sobre o concello da man da Asociación Cultural Vagalumes -como 'Os nomes da Estrada'-. Tamén estará presente a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Lingua e Memoria, María Ortega, responsable da editorial provincial que levou adiante a edición do novo volume, no que tamén participaron Xoán Carlos Garrido e Beatriz Collazo Martínez. O evento completarase coa actuación musical de Anxo Fernández e Gustavo Brea e cunha contada de historias a cargo de Marcos Borrageros.

A entrada para o público é libre ata completar cabida, e todas as persoas asistentes recibirán un exemplar de balde grazas á Deputación, que ademais achegará a publicación a todas as bibliotecas municipais e puntos de lectura, así como aos centros de ensino da provincia.

O libro de Clara Iglesias e a AC Vagalumes pretende ser unha compilación, clasificación e interpretación do patrimonio inmaterial da zona co fin de preservalo debido a que as persoas depositarias e usuarias deses saberes, mitos, lendas e contos -que na súa maioría se transmiten de maneira oral está a desaparecer- e con elas "vaise un mundo, un ha cultura coas súas sabenzas, as súas coplas e as súas crenzas...".

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.