A Deputación dedica máis dun millón de euros a mellorar o firme da estrada entre Caldas e Vilanoviña
A actuación na EP-8004, cunha duración de seis meses, abrangue o total do trazado desta vía provincial que transcorre polos concellos de Caldas, Portas, Vilanova e Meis ao longo de 8 km
28/01/2023
O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP-8004 Caldas-Vilanoviña. Os traballos, cun orzamento superior ao millón de euros (1.042.029,28 €), afectarán o total do trazado da vía, que transcorre ao longo dos seus 8213 metros de lonxitude polos concellos de Caldas de Reis, Portas, Vilanova de Arousa e Meis. A previsión, unha vez comecen os traballos, é que teñan unha duración de seis meses.
As obras consistirán na reparación da situación actual desta infraestrutura viaria mediante a execución de saneamentos e o fresado da capa de rodadura, que se atopa en mal estado. Procederase á aplicación dun tratamento superficial e ao recrecemento do firme mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente, e tamén á reposición da sinalización horizontal e vertical coa finalidade de salvagardar a prestación do servizo viario e de mellorar as condicións de seguridade para a circulación dos vehículos e das persoas.
Os traballos inclúen, entre outras actuacións, a limpeza das marxes e as cunetas, a demolición do firme, a escavación en saneamento do firme, o fresado do firme, a subministración e execución da subbase de rachón e colocación da saburra artificial, o macádam e as emulsións asfálticas, a colocación do formigón bituminoso en quente para o novo firme, o recrecemento de pozos de rexistro e tapas de sumidoiro, o pintado das marcas viarias reflexivas ou a instalación de sinais, paneis direccionais e fitos quilométricos.