A Deputación destina máis dun millón de euros á mellora da estrada provincial de Caldas-Vilanoviña

Acondicionarase o firme nos 8 quilómetros da EP-8004 ao seu paso por Caldas, Portas, Vilanova de Arousa e Meis, e no tramo que transcorre por este último concello crearase unha senda peonil de 400 metros

09/06/2023

A Deputación de Pontevedra está a avanzar na mellora da EP-8004 Caldas-Vilanoviña, con dúas actuacións que suman 1,1 millóns de €. Por unha banda, a Xunta de Goberno pr0vincial vén de adxudicar hoxe por 945.641 € as obras de mellora da seguridade viaria que se desenvolverán ao longo de todo o trazado da vía, que transcorre ao longo dos seus oito quilómetros de lonxitude polos concellos de Caldas de Reis, Portas, Vilanova de Arousa e Meis. Por outra banda, a institución provincial aprobou tamén o expediente de contratación para sacar a licitación por 199.553 € os traballos de mellora da mobilidade peonil nun treito desta estrada que transcorre por Meis, no que se habilitará unha senda peonil de 400 metros.

Na primeira destas actuacións, abordarase a reparación da situación actual desta infraestrutura viaria mediante a execución de saneamentos e o fresado da capa de rodadura. Posteriormente, procederase á aplicación dun tratamento superficial e ao recrecido do firme mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente, e tamén á reposición da sinalización horizontal e vertical coa finalidade de salvagardar a prestación do servizo viario e de mellorar as condicións de seguridade para a circulación dos vehículos e das persoas. O prazo de execución é de seis meses.

Na segunda actuación, no treito de 400 metros que transcorre por Meis, amais da habilitación da senda peonil de 2,5 metros para facilitar o tránsito das persoas, abordaranse tamén traballos de pavimentación, a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais, a renovación da sinalización vertical e horizontal no viario, así como a disposición de novo alumeado público ao longo da senda. O investimento desta actuación acada os 199.553 euros, dos que a institución provincial achega o 80% (159.642 €) e o Concello de Meis o restante 20% (39.910 €), aínda que esta achega será sufragada a través do Plan Concellos, xa aprobada.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.