A Deputación mobiliza novos recursos na provincia por outros 7,5 millóns para infraestruturas, cooperación cos concellos, cultura e igualdade

Carmela Silva: “Estamos a garantir servizos para que os concellos poidan facer fronte ás súas competencias, amais de que desenvolveremos proxectos moi potentes na rede provincial de estradas e seguiremos potenciando a cultura e a igualdade”

10/02/2023

Rolda prensa, novos recursos aprobados

A Xunta de Goberno da Deputación vén de mobilizar novos recursos por 7,5 millóns de euros para seguir garantindo dereitos e servizos na provincia en materia de cooperación cos concellos, infraestruturas, cultura e igualdade. Do ambicioso investimento, a maior parte corresponde a proxectos de mellora nas infraestruturas provinciais (4,2 millóns), seguido das novas achegas do Plan Concellos (2,4 millóns), a programación de concertos de Musigal (preto de medio millón de euros e o desenvolvemento do programa de igualdade Conectadas (324.000 euros).

No caso do Plan Concellos, aprobáronse achegas para un total de 12 concellos da provincia: Cerdedo-Cotobade; Crecente; Meaño; Ribadumia; Sanxenxo; Tui; Marín; Ponteareas, Vilagarcía, Agolada, A Illa e Salvaterra. Seis das achegas son da Liña 3 de Emprego (976.900€) e permitirán contratar a un total de 105 persoas en Cerdedo-Cotobade, Crecente, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Tui. Como destacou a presidenta Carmela Silva, estes recursos permitirán contratacións esenciais dos concellos, como persoal para xardinería, de obras públicas, traballos forestais, auxiliares administrativos/as, condutores/as camións ou outros perfís como coidadores para comedor escolar ou arquiveiro/a, “persoal fundamental para garantir servizos e para facer fronte ás competencias dos concellos”.

No que atinxe á Liña 1 de Investimentos a Xunta de Goberno aprobou seis achegas por 1,3 millóns. Deste xeito,  Vilagarcía recibirá 425.405€ para a reparación e acondicionamento interior do pavillón de Fontecarmoa; Marín, 184.863€ para as obras de sustentación de camiño en Cividanes; Ponteareas contará con 189.127€ para a humanización da avenida Sarmiento; Salvaterra terá unha achega de 244.548€ para a ampliación do saneamento en Fornelos, Lourido, Pesqueiras e Cabreira; A Illa de Arousa terá unha achega de 173.479€ para financiar a reordenación da rúa Castriños ente as rúas Aransa e Bouzas e, por último, Agolada recibirá, 173.150€ para a mellora de camiños en Orrea, O Sexo, Agra e Val de san Gorza.  No caso da Liña 2 de financiamento de actividades culturais, Tui recibirá 99.341€ para financiar as festas patronais de San Telmo.

Por outra banda, en materia de Infraestruturas aprobáronse “proxectos moi potentes” para diversas actuacións para o acondicionamento da rede provincial de estradas. Deste xeito, deuse luz verde a tres convenios con Cerdedo-Cotobade (cun orzamento total de 946.599€ para financiar o ensanche e a mellora da EP-0405 de Almofrei; con Meis, para a mellora da EP-8004 Caldas-Vilanoviña (199.553€); Ponteareas, para a execución do proxecto de humanización da avenida Sarmiento Rivera (EP-4006) entre a avenida de Rosalía de Castro e a rúa Redondela (o orzamento ascende a 630.423€ e financiarao ao 100% a institución provincial xa que a aportación do 30% que lle correspondía ao Concello será coa achega aprobada do Plan Concellos).

Tamén saíron adiante 6 proxectos para a mellora da seguridade viaria: En Vila de Cruces abordarase a reposición do firme na EP-6410 Bodaño-Merza (465.874€); en Forcarei dúas actuacións: a mellora da seguridade viaria na EP-7204 Soutelo-Ratel (361.143€) e na EP-7203 en Soutelo (345.823€); na Illa de Arousa acondicionarase a EP-9801 Ponte-A Laxes (293.461€); en Gondomar melloraranse a seguridade na EP-2403 Mosende-Morgadáns (617.265€) e, na Cañiza, aprobouse o proxecto de recuperación do entorno da Ponte das Achas (411.015€).  

En materia cultural, a Xunta de Goberno deu luz verde á lista de 58 actuacións musicais que se desenvolverán noutros tantos municipios co programa Musigal, que “busca democratizar a cultura para que os concertos dos grandes grupos e artistas galegos, que por certo cada vez temos máis e con máis demanda, cheguen a todos os concellos”. Das actuacións, 12 celebraranse na comarca do Salnés; 7 na de Vigo; 3 na de Val Miñor; 9 nas comarcas do Condado e da Paradanta; 8 concertos nas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes; 11 concertos na de Pontevedra; 5 na do Baixo Miño e 3 na do Morrazo.

E  no eido da igualdade, aprobouse o expediente para contratar o desenvolvemento do programa Conectadas, que neste 2023 chega á súa sexta edición e conta cun orzamento de 324.000 euros. A presidenta provincial lembrou que esta iniciativa ten por obxectivo “mellorar a formación básica das mulleres, crear redes, loitar pola igualdade entre mulleres e homes,  contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital que afecta a unha parte importante da sociedade e particularmente ás mulleres”. Conectadas  está dirixido a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñen por obxectivo a consecución da igualdade entre mulleres e homes e desde o ano 2016  teñen participado 22.101 mulleres e realizáronse 1.558 accións formativas.

Galerias de imaxes

audios

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 24 resultados.