A Deputación finaliza a execución de cunetas transitables en estradas provinciais que transcorren por Forcarei, Silleda, Portas e Barro

Os traballos derivados do Acordo Marco para instalar estes elementos de seguridade para as persoas leváronse a cabo na EP7016 A Estrada-Vinseiro-As Casetas; a EP6501 Grava-Escuadro; a EP6510 Lamela-Moalde-Serna; a EP0508 Curro-San Amaro e a EP8004 Caldas-Vilanoviña

25/05/2023

Obras EP-6510

A Deputación de Pontevedra vén de finalizar as obras de instalación de cunetas transitables nas estradas EP6501 Grava-Escuadro e EP6510 Lamela-Moalde-Serna (no concello de Silleda); a EP0508 Curro-San Amaro (en Barro); a EP8004 Caldas-Vilanoviña (ao seu paso por Portas e a EP7016 A Estrada-Vinseiro-As Casetas (ao seu paso polo concello de Forcarei). Estas actuacións derívanse do Acordo Marco para dotar destes elementos de seguridade para as persoas ás estradas da rede provincial naqueles puntos nos que resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas.

A través do acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur) e, nesta primeira fase estase a actuar nun total de 77 estradas provinciais en medio cento de concellos, cun investimento de 1,9 millóns de euros. No que se refire á zona norte, o investimento ascende a 665.125 euros e instalaranse cunetas en 38 estradas provinciais que transcorren, amais de Forcarei e Silleda, por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Caldas, Cuntis, Valga e Catoira. Na zona centro, o investimento ascende a 738.228€ e estase a actuar en 38 estradas provinciais que transcorren, amais de Barro e Portas, por Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Redondela, Caldas, Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. E na zona sur da provincia invístense 595.972€ en 19 estradas provinciais que discorren por Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda, Mos, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, Ponteareas, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente.

As obras que se realizan consisten na execución de cunetas de seguridade, a colocación de tubaxes para drenaxe dos viarios, execución de arquetas e recrecido de pozos. A instalación destas cunetas supón unha aposta pola seguridade viaria e por potenciar que as persoas poidan transitar polas beiras dos viarios provinciais con total seguridade naqueles tramos nos que os muros, as vivendas ou as circunstancias orográficas impiden ampliar a plataforma.

As cunetas teñen anchos de entre un e dous metros e pola súa escasa pendente permiten camiñar por enriba delas con total normalidade polo que, na práctica, habilitan itinerarios peonís cómodos e seguros. Con estas actuacións, estanse substituíndo paulatinamente as vellas cunetas, moi profundas e ademais pouco funcionais pola súa tendencia a cegarse, por este tipo de elementos  transitables, nos que a drenaxe lonxitudinal das estradas combínase coa habilitación dun espazo adicional para o paso de peóns e ciclistas. Cando é necesario tamén se instalan tubaxes de drenaxe debaixo destas estruturas para garantir a correcta absorción das augas pluviais.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.