A Deputación amplía o prazo para que o alumnado de FP poida realizar prácticas en Europa co Erasmus+ 2022

Os e as estudantes poderán desfrutar das mobilidades internacionais para completar a súa formación ata o vindeiro 31 de maio de 2024

22/06/2023

A Deputación de Pontevedra vén de ampliar o prazo para que estudantes recentemente titulados de ciclos medios de Formación Profesional, Formación Profesional Básica e cursos que conduzan á obtención de Certificados de Profesionalidade dos niveis I, II e III poidan participar no programa de mobilidades europeas Erasmus+ 2022, que lles axudará na súa integración no mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras. O programa estaba previsto que rematase o 31 de agosto deste ano e, coa ampliación solicitada pola Deputación ao SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación), estenderase agora ata o 31 de maio de 2024.

A través desta iniciativa prevense realizar ata 60 mobilidades de longa duración do alumnado e 5 mobilidades de aprendizaxe de docentes e persoal en países como Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía ou calquera outro que estea integrado no programa Erasmus+. Ata o momento, xa son 15 os rapaces e rapazas de diferentes centros educativos da provincia que están a aproveitar esta oportunidade en diferentes países da Unión Europea. Mentres que 8 deles comezaron a súa mobilidade no mes de abril, os outros 7 iniciárona ao longo do mes de maio. Pola súa parte, desde este mes de xuño hai dous docentes/as que están a aproveitar esta oportunidade de aprendizaxe.

En total, o proxecto Erasmus+ 2022 conta cun orzamento de 796.865 euros, dos cales 599.765 euros son achegados polo SEPIE en calidade de axencia nacional española do Programa Erasmus+, que permitirán desenvolver estas mobilidades ao longo do ano ata maio de 2024.

Axenda 2030 - Cofinanciado por la Unión Europea