O programa “Erasmus+ 2023 recibe 1,4 millóns de euros que permitirá que 90 alumnos de FP realicen prácticas en empresas e institucións europeas

O presidente Luis López deu conta da nova edición do programa de mobilidade europea, para o que a institución provincial recibiu unha axuda de 1,2 millóns de euros procedentes do SEPIE

11/08/2023

reunion fundacion alexandre boveda

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou en rolda de prensa da aprobación en Xunta de Goberno do proxecto “Erasmus+ 2023” que a institución provincial presentou á convocatoria de propostas do programa europeo de mobilidade, e que ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea. Luis López sinalou que “o futuro da xuventude preocúpanos moito” e puxo en valor que, grazas a este programa da institución provincial, “imos promover a mellora das perspectivas laborais da nosa mocidade”.

A Deputación de Pontevedra investirá neste proxecto un total de 1,4 millóns de euros, dos que “o SEPIE, que é quen desenvolve e xestiona o programa Erasmus+ en España, nos concedeu unha axuda de 1,2 millóns de €”, informou o presidente provincial, que tamén sinalou que “achegamos outros 20.000 euros de fondos propios”. Grazas a estes recursos, 90 alumnos de FP van poder realizar as súas estadías no estranxeiro, dunha duración aproximada de seis meses, así como outras 10 mobilidades de aprendizaxe por observación de docentes e persoal de FP (de arredor dunha semana) e mais unha visita preparatoria. Poderán realizar as estadías en empresas e institucións de países como Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Malta ou Portugal, así como calquera outro que estea incluído no Erasmus+.

O programa “Erasmus+ 2023” terá unha duración de 15 meses, ata finais do verán de 2024, pero poderíase estender ata finais de maio de 2025. Para a xestión desta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten un consorcio de mobilidade formado por 40 centros de 24 concellos da provincia que poden ofrecer ao seu alumnado a posibilidade de realizar estes períodos de prácticas no estranxeiro. Despois de que os centros seleccionen os alumnos, a Deputación de Pontevedra é a encargada das xestións relativas ás mobilidades, facéndose cargo dos trámites relativos á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas ou á contratación dos seguros.

 

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.