Luís López destaca a aposta da Deputación pola formación e o emprego coa concesión de 46 bolsas a titulados de FP para facer prácticas no estranxeiro

O obxectivo do programa Erasmus +, que vai pola súa quinta edición e conta este ano cun orzamento de 350.000 euros, é reforzar as competencias profesionais, mellorar o dominio doutra lingua e regresar a Pontevedra mellor preparados para desenvolver as súas carreiras laborais

08/09/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a concesión de 46 bolsas para titulados de formación profesional en institutos da provincia para a realización de prácticas laborais en países estranxeiros.

“Destinamos máis de 350.000 euros para mellorar a formación e a empregabilidade destes estudantes”, destacou o mandatario provincial na súa comparecencia previa á celebración da Xunta de Goberno.

O obxectivo destas axudas é cubrir os gastos de viaxe, aloxamento, manutención e transporte dos beneficiarios no seu país de destino. A estadía destes estudantes nos países, onde poderán facer prácticas en empresas privadas ou institucións públicas, variará entre os tres e os oito meses.

“Durante ese tempo reforzarán as súas competencias profesionais, collerán experiencia laboral, mellorarán o dominio dunha lingua estranxeira e volverán a Pontevedra mellor preparados para emprender a súa aventura no mercado laboral. Como lles dixen no seu momento: confiamos en que ese talento retorne logo á provincia e que poida brillar aquí, en casa”, explicou o dirixente popular, que tivo a oportunidade hai uns días de coñecer ao alumnado que participa no programa Erasmus + promovido pola Deputación.

Este programa provincial vai pola súa quinta edición. Nesta convocatoria foron beneficiarios destas bolsas 45 estudantes e un docente pertencentes a 16 institutos da provincia.

Os países que escolleron para facer estas prácticas son Italia (15), Portugal (11), Francia (7), Malta (5), Irlanda (4) e Finlandia (4).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.