Sete entidades do Salnés reciben preto de 16.000 euros da Deputación para realizar actividades turísticas

Beneficiaranse entidades de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. Mediante estas axudas sufragaranse, entre outras cuestións, gastos de asistencia a feiras, un plan global de desestacionalización do turismo, actividades en festas e a difusión do patrimonio marítimo

01/11/2023

Sete entidades da comarca do Salnés recibirán preto de 16.000 euros no marco das axudas convocadas pola Deputación de Pontevedra para realizar actividades turísticas durante o ano 2023. As axudas, que foron aprobadas na última Xunta de Goberno da institución provincial, teñen por obxectivo colaborar na promoción do destino Rías Baixas e estimular a competitividade, a calidade, a accesibilidade e a sostibilidade do sector turístico.

No caso concreto do Salnés, beneficiáronse entidades de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. Grazas a estas axudas, a Ruta do Viño Rías Baixas recibe financiamento para a súa asistencia á feira INTUR de Valladolid; a Asociación de Empresarios Grovenses para un plan global de desestacionalización do turismo da vila; o Club Montañeiros Celtas para a actividade Os cinco sentidos no Grove; a Asociación Cultural Dorna para o patrimonio marítimo galego, o Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo para o XV Torneo Internacional Cadete Sanxenxo: o Club de Piragüismo de Portonovo para a V Festa da Empanada Mariñeira e Amarcarril para obradoiros e rutas guiadas de marisqueo.

Este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a corenta entidades do conxunto da provincia por valor de 100.000 euros, no marco dun novo impulso do Goberno provincial para fortalecer o sector turístico da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.