Catro entidades de Deza e Terra de Montes reciben preto de 13.000 euros da Deputación para realizar actividades turísticas

Beneficiaranse entidades da Estrada, Lalín e Silleda. Mediante as axudas sufragaranse gastos para actividades no Nadal ou para as xa realizadas durante a Festa da Empanada, a Malla Tradicional ou a Rapa das Bestas, entre outras cuestións

01/11/2023

Catro entidades das comarcas de Deza e Terra de Montes recibirán preto de 13.000 euros no marco das axudas convocadas pola Deputación de Pontevedra para realizar actividades turísticas durante o ano 2023. As axudas, que foron aprobadas na última Xunta de Goberno da institución provincial, teñen por obxectivo colaborar na promoción do destino Rías Baixas e estimular a competitividade, a calidade, a accesibilidade e a sostibilidade do sector turístico.

No caso concreto de Terra de Montes, beneficiarase a Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo, na Estrada, que cos recursos da Deputación puido poñer en marcha unha exposición sobre a arte na Rapa das Bestas. Pola súa banda, na comarca de Deza recibirán recursos entidades de Lalín e Silleda; en Lalín, a Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón para a XXIV Malla Tradicional de Lalín e a Asociación Etnográfica de Codeseda para “Unha aldea no Nadal”; no caso de Silleda, a Asociación Amigos da Empanada beneficiouse destas axudas para a Festa da Empanada de Bandeira.

Este ano a institución provincial aprobou destinar axudas a corenta entidades do conxunto da provincia por valor de 100.000 euros, no marco dun novo impulso do Goberno provincial para fortalecer o sector turístico da provincia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.