A primeira ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas” arranca no Intermareal Umia-O Grove con grande éxito de participación

A andaina do programa da Deputación de Pontevedra permitiu ás persoas participantes observar aves acuáticas invernantes como as anátidas, limícolas ou cullereiros

15/01/2023

Estrea Voando nas Rías Baixas

Volven por todo o alto as rutas ornitolóxicas que promove a Deputación de Pontevedra xunto con SEO Birdlife ao abeiro do programa “Voando nas Rías Baixas”. O domingo de sol aínda que con temperaturas máis baixas facilitou que as persoas participantes na estrea das saídas programadas para 2023 puideran gozar dunha agradable andaina polo complexo Intermareal Ulla-O Grove e descubrir por que está considerado como un dos mellores lugares de Galicia e de España para a observación de aves acuáticas invernantes. A ruta, á que asistiu a deputada de medio ambiente e transición ecolóxica, Iria Lamas, descorreu polos concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño, Cambados e A Illa de Arousa e permitiu ás e aos participantes coñecer a riqueza ornitolóxica e concienciarse sobre a preservación dos espazos naturais protexidos.

Na andaina, conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra, as e os participantes puideron descubrir algunhas das aves que se atopan neste espazo protexido pola Rede Natura 2000 como Humidal de Importancia Internacional, como diversas especies de anátidas, limícolas ou cullereiros, que chegan por millares do norte de Europa cada ano escapando do frío e da neve. Para facelo, facilitáronselles prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, recibiron como material didáctico unha guía de aves, o que lles permitiu elaborar a súa propia lista de avistamentos ao longo de toda a ruta.

A próxima visita desta sexta edición de “Voando nas Rías Baixas” pola Foz da Ramallosa, (Nigrán), terá lugar o 5 de febreiro e as inscricións estarán abertas dende o 23 de xaneiro; será o 9 de abril cando a terceira ruta descorra polas Ribeiras do Umia (Cambados-Ribadumia) e con posibilidade de inscribirse desde o 27 de marzo. A seguinte actividade terá lugar nas Brañas de Xestoso (Silleda-Forcarei-A Estrada) o 7 de maio e as persoas interesadas poderán inscribirse a partir do 24 de abril. A quinta ruta, a novidade desta edición, será pola praia da Lanzada (Sanxenxo-O Grove) o 4 de xuño, e o prazo de inscrición estará aberto o 22 de maio. Tralo paréntese do verán, a sexta ruta será polo Esteiro do Miño (A Guarda) o 8 de outubro, con posibilidade de inscribirse dende o 25 de setembro. A derradeira andaina de “Voando nas Rías Baixas” será o 26 de decembro nunha ruta pola Enseada de San Simón (Redondela, Vilaboa, Pontevedra e Soutomaior) co prazo de inscrición aberto dende o 13 de novembro.

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 19 resultados.