A Deputación pecha este venres o ciclo “Cómicas, Habelas Hainas” coa actuación de Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Marta Doviro e Bárbara Grandío no auditorio do Grove

O Auditorio Municipal acollerá este espectáculo de monólogos e humor a partir das 20.30 horas con entrada libre ata esgotar o aforo

11/05/2023

Comicas, habelas hainas

O ciclo de humor Cómicas, habelas hainas”, promovido pola Deputación de Pontevedra para visibilizar o talento feminino neste eido e normalizar a presenza de mulleres nos circuítos, chega este venres, 12 de maio, ao seu fin coa actuación que ofrecerán no Auditorio Municipal do Grove as humoristas galegas Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Marta Doviro e Bárbara Grandío. O espectáculo, ao que asistirá a deputada provincial Noemí Outeda, terá lugar a partir das 20.30 horas e a entrada é libre ata completar o aforo do recinto.

Este proxecto vén de levar por todas a comarcas da provincia a comedia feita e protagonizada por mulleres, cun espectáculo de stand-up comedy de algo máis dunha hora de duración, no que as artistas abordan nos seus monólogos distintas temáticas cun formato áxil e dinámico. Cun total de 10 espectáculos, “Cómicas, habelas hainas” arrancou no concello de Moraña a principios de marzo e percorreu os municipios de Tui, Silleda e Forcarei, Vigo, Ponteareas, Cangas, A Cañiza, Pontevedra (celébrase este xoves 11 maio), para finalizar agora este venres no Grove.

No espectáculo que se poderá ver no Auditorio, Bárbara Grandío actuará como presentadora, introducindo coas súas intervencións ás outras participantes. Esta actriz , coñecida por series como La que se avecina, A Estiba, Lobos e Cordeiros e Anclados, tamén participou nas películas Historias lamentables, de Javier Fesser ou La historia de un satélite, das Also Sisters. Con esta última, foi nomeada ós premios Mestre Mateo 2018 como mellor actriz.

A viguesa Jazmín Abuín é actriz, monologuista, cantante e xornalista, cunha longa traxectoria tanto en teatro musical (La bella y la bestia, Peter Pan, Quisiera ser, Una corbata para Monroe), como en televisión (Acacias 38, Amar es para siempre, La que se avecina, Serramoura ou Machos Alfa, entre outras ) e cine ( Ola de crímenes, La casa de tiza ou a curta "Cordelias", de Gracia Querejeta, nomeada aos Goya). Compaxina as facetas de actriz e cantante coa de monologuista e na actualidade é unha das cómicas de El Club de la Comedia en Madrid, ademais de representar o show de monólogos Riquiña, en distintos lugares de Galicia e do resto de España.

Pola súa banda,  Arantxa Treus, é actriz e comparte escenario todos os meses cos e coas mellores monologuistas do país no seu espectáculo Los monólogos de la Treus. Traballou en series de televisión como Gondar, Serramoura ou Fariña e o seu monólogo Sexo débil, o carallo recibiu o premio FETEGA 2022 ao mellor monólogo cómico. Actualmente prepara Revolta, o seu novo espectáculo teatral, unha viaxe pola evolución do ser humano dende unha mirada crítica e humorística contada por mulleres. 

Por último, a cuarta das participantes é Marta Doviro, é actriz, presentadora e cómica e ten participado en películas e series da TVG (Pazo de Familia, Luci) ademais de presentar máis dunha decena de programas de entretemento (Malo Será, Máis Galego, Feirantes). Foi galardoada co premio Dorotea Bárcena á Mellor Monologuista Cómica. Xira por Galicia co seu propio monólogo desde o 2020 arrincando sorrisos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.