Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Bianca Kovacs e Bárbara Grandío chegan este xoves a Pontevedra no marco do programa da Deputación “Cómicas, habelas hainas”

O Teatro Principal acollerá este espectáculo de monólogos e humor intelixente, a partir das 21:00 horas, con entrada libre ata esgotar o aforo

10/05/2023

Cómicas habelas hainas en Pontevedra

O ciclo de humor “Cómicas, habelas hainas”, promovido pola Deputación para visibilizar o talento feminino neste eido e normalizar a presenza de mulleres nos circuítos, entra este xoves na súa recta final co espectáculo que ofrecerán en Pontevedra as galegas Jazmín Abuín, Arantxa Treus e Bárbara Grandío, xunto á artista invitada para a ocasión, a romanesa Bianca Kovacs. A actuación, á que asistirá a presidenta provincial, Carmela Silva, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra a partir das 21:00 horas e a entrada é libre ata completar o aforo.

O ciclo, que está a percorrer con enorme éxito de público todas a comarcas da provincia, visibiliza a comedia feita e protagonizada por mulleres cun espectáculo de ‘stand-up comedy’ de algo máis dunha hora de duración, no que as artistas abordan nos seus monólogos distintas temáticas cun formato áxil e dinámico. Nel, Bárbara Grandío como presentadora vai introducindo coas súas intervencións ás outras participantes. Esta actriz, coñecida por series como La que se avecina, A Estiba, Lobos e Cordeiros e Anclados, tamén participou nas películas Historias lamentables, de Javier Fesser ou La historia de un satélite, das Also Sisters, coa que foi finalista aos premios Mestre Mateo 2018 como mellor actriz.

Jazmín Abuín é actriz, monologuista, cantante e xornalista cunha longa traxectoria tanto en teatro musical (La bella y la bestia, Peter Pan, Quisiera ser, Una corbata para Monroe) como en televisión (Acacias 38, Amar es para siempre, La que se avecina, Serramoura ou Machos Alfa, entre outras) e cinema (Ola de crímenes, La casa de tiza ou a curta "Cordelias", de Gracia Querejeta, finalista nos Goya). Compaxina as facetas de actriz e cantante coa de monologuista e na actualidade é unha das cómicas de El Club de la Comedia en Madrid, ademais de representar o show de monólogos Riquiña en distintos lugares de Galicia e España.

Arantxa Treus comparte escenario todos os meses cos e coas mellores monologuistas do país no seu espectáculo Los monólogos de la Treus. Traballou en series de televisión como Gondar, Serramoura ou Fariña, e o seu monólogo Sexo débil, o carallo recibiu o premio FETEGA 2022 ao mellor monólogo cómico. Actualmente prepara Revolta, o seu novo espectáculo teatral, unha viaxe pola evolución do ser humano desde unha mirada crítica e humorística contada por mulleres. 

A artista convidada en Pontevedra, Bianca Kovacs, é unha actriz e monologuista cun destacado paso por coñecidos programas de televisión. Ao longo da súa salientable carreira como actriz interpretou personaxes en series coma Aída, La que se avecina, 30 monedas ou ¿Y si sí?, un programa de José Mota presentado por Santiago Segura. Actualmente traballa no programa StandUp 3000 en Comedy Central, en Movistar Plus+. Ademais, presentou durante dúas tempadas Las noches del Club de la Comedia no teatro, en Madrid e Barcelona.

Fin de ciclo no Auditorio do Grove

Este venres o programa “Cómicas, habelas hainas” pechará o seu ciclo de espectáculos despois de 10 actuacións co mellor humor feito por mulleres. Arrancou no concello de Moraña a principios de marzo e percorreu os municipios de Tui, Silleda, Forcarei, Vigo, Ponteareas, Cangas, A Cañiza e Pontevedra para, finalmente, pechar no novo Auditorio do Grove este venres a partir das 20:30 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.