As cómicas rebentan o Auditorio Municipal de Vigo

Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Coria Castillo e Bárbara Grandío encheron o Auditorio con “Cómicas, habelas hainas”, o ciclo da Deputación para visibilizar o talento feminino no humor

20/04/2023

Comicas, habelas hainas

Non cabía un alfinete. A actuación de “Cómicas, habelas hainas”, o ciclo da Deputación coas humoristas, actrices e monologuistas Jazmín Abuín, Arantxa Treus, Coria Castillo e Bárbara Grandío que está a percorrer a provincia, desbordou esta tarde o Auditorio do Concello de Vigo, onde máis de 250 persoas rebentaron o aforo ata o punto que moita xente tivo que quedar fora. O humor intelixente, a irreverencia, a comedia e os monólogos das tres cómicas galegas e da madrileña Coria Castillo como invitada, fixo as delicias do público, entre o que se atopaba a presidenta da Deputación Carmela Silva e deputadas provinciais, que non cesou de rir e aplaudir as catro actrices.

O espectáculo reivindica sen complexos o talento feminino no mundo da comedia como mostran as catro protagonistas que, á vez, están a triunfar nas salas de todo o Estado. Na actuación, Bárbara Grandío exerce como a presentadora e introdutora das súas compañeiras que esta tarde cos seus monólogos volveron a mostrar que o humor, a intelixencia e a cultura son imprescindibles para unha sociedade mellor. Especialmente felices se mostraron Jazmín e Arantxa, ambas as dúas viguesas e orgullosas embaixadoras de levar o nome da cidade polo mundo adiante. Como elas dixeron “a risa é terapia e nestes momentos é máis necesario que nunca”.

Co espectáculo en Vigo, o ciclo da Deputación de Pontevedra chega ao seu ecuador xa que restan outras cinco actuacións das cómicas na provincia. Estarán en Ponteareas o domingo 23, para seguir en Cangas o día 29, en A Cañiza o 6 de maio, en Pontevedra o 11 de maio onde actuará tamén Bianca Kovacs, e rematarán en O Grove o día 12.

Galerias de imaxes