A Deputación lanza o concurso internacional de proxectos para rehabilitar Santa Clara

Antes de final de ano estarán seleccionadas cinco equipas e estudos de arquitectura que redactarán cadansúa proposta

11/11/2022

A Deputación, da través do Museo de Pontevedra, vai lanzar de maneira inminente o concurso internacional de proxectos para a rehabilitación do convento de Santa Clara. O obxectivo é dispoñer a final de ano ou principios de 2023 de cinco estudos ou equipas de arquitectura que se encargarán de redactar as súas correspondentes propostas. De entre eses traballos escollerase o máis destacado e redactarase o proxecto final.

O vicepresidente Mosquera explicou que as bases do concurso internacional serán aprobadas en Xunta de Goberno e a partir de aí abrirase un prazo dun mes para que estudos de arquitectura de nivel internacional presenten o seu currículo ou ‘portfolio’ para competir. Haberá uns criterios automáticos de selección baseados na experiencia en intervencións similares, tanto en rehabilitacións como en museos. Segundo subliñou, a expectativa de número de participantes é moi alta e do máximo nivel.

O xurado (configurado por persoas de prestixio e traxectoria) seleccionará os cinco equipos máis salientables. Estes deberán elaborar no prazo de tres meses un anteproxecto para o que terán toda a información sobre as características da construción, a súa historia, e o programa de necesidades para que Santa Clara funcione como novo edificio de Museo. Terán que entregar a organización, planos e unha primeira valoración económica do custe de obra. Para estimular a participación, as cinco equipas seleccionadas recibirán por cadanseu anteproxecto 30.000 euros (máis IVE).

A última fase do concurso consistirá na selección dunha das propostas presentadas como gañadora, que recibirá unha gratificación de 50.000 euros a deducir dos honorarios de dirección da obra. Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, a selección deste tipo de concurso no que non se presentarán os proxectos de inicio pretende simplificar o trámite: “valorar 300 proxectos sería un inferno”, dixo, para engadir que se está a proceder deste xeito nas obras de museos tan transcendentes como o Prado.

Eventos sociais

Unha das novidades que anunciou o vicepresidente sobre os futuros usos de Santa Clara é que nas propostas que presenten as equipas aspirantes poderase incluír algún tipo de construción ou centro para celebrar eventos sociais que podería ser xestionado por privados. Segundo dixo, podería ser dende unha simple cafetería, un restaurante, unha sala de lectura ou ben un espazo de presentacións artísticas, eventos e actividades culturais, situado nunha pequena parte da construción “sempre que non comprometa e interfira co resto dos elementos”, algo que considera non pasará se só se usan, por exemplo, 400 dos 13.000 metros dispoñibles.

De maneira paralela ao concurso de ideas estanse a dar outros pasos técnicos sobre Santa Clara. Acaban de comezar os trámites para contratar o xeotécnico do terreo para coñecer as posibilidades de construír un soto que poida servir de espazo de arqueoloxía, e tamén acaba de recibirse o baleirado documental sobre Santa Clara, no que se atopou documentación supostamente perdida dos séculos XIV e XV que finalmente estaba nos arquivos propios das Clarisas en Santiago. “Hai que encaixar toda esa información cos resultados das escavacións e a lectura dos paramentos para ver a evolución. Parece que hai diferencias e hainas que ir encaixando”, finalizou.