Atopan dúas balas en Santa Clara: un cartucho do S. XIX de procedencia francesa e un casquillo de mauser da época da Guerra Civil

O arqueólogo Xurxo Ayán fixo hoxe na súa charla un percorrido pola historia do convento na Idade Moderna e Contemporánea    

13/12/2022

SANTA CLARA

O convento de Santa Clara non deixa de dar sorpresas. Na charla desta tarde ‘Conferencia (case) de clausura’ organizada dentro do ciclo de relatorios da Deputación, o doutor e arqueólogo Xurxo Ayán dou conta da aparición nos últimos días das escavacións do recinto das Clarisas de munición militar, un material sobre o que o persoal experto estivo a estudiar para buscar a súa contextualización ata o día de hoxe.

Segundo explicou Ayán, en diferentes localizacións dos terreos do convento apareceron un botón dun uniforme de infantería do século XIX vencellado a unha unidade militar, un proxectil moi utilizado nas guerras carlistas, e tamén outro ‘casquillo’ relacionado coa etapa da Guerra Civil.
Ayán fixo unha análise dos achados dende unha visión da arqueoloxía non común, a  arqueoloxía do conflito, na que se adoitan atopar moi diferentes tipoloxías de municións. Segundo dixo estes elementos por si mesmos achegan moita información, xa que coa súa observación pódese saber se foron percutidos ou non, e onde foron fabricados grazas aos símbolos de procedencia.

En canto ao cartucho do século XIX, o experto subliñou que é de procedencia francesa, moi típico das guerras carlistas, sobre todo da última na década de 1870. Sinalou que persoal investigador adoita atopar exemplares semellantes nos estudos de arqueoloxía das carlistadas no País Vasco.
O botón, explicou Ayán, é o elemento quizais máis interesante posto que é de infantería, cunha tipografía identificable que pon o número 22. “A infantería do exército español no XIX estaba organizaba en batallóns numerados. Sabemos que o número 22 tivo unha longa experiencia ao longo do s. XIX, dende a Guerra da Independencia ata os anos da II República,  Cando foi remodelado. Tivo unha importancia enorme este batallón na Galiza, aínda que procedía da Castela - de Madrid-, no que se chaman os sucesos políticos, nos golpes de estado entre liberais, moderados e progresistas ao longo do XIX, que enviaban estas tropas para ‘dar leña’ sobre todo. O curioso é que en todo o percorrido desta unidade batallón unicamente estivo unha vez en Galiza”.

Segundo comentou Ayán, o batallón estivo no país “para reprimir a revolución de 1846, a famosa da orixe do provincialismo galego e, se queremos, do nacionalismo galego. Estas tropas estiveron reprimindo o movemento que reivindicaba o Reino de Galiza”, subliñou, para manifestar a súa curiosidade sobre como chega  ese botón ao convento de clausura.

Neste sentido, explicando que os accesos ao convento  estaban perfectamente controlados  (dende mercadorías, ideas, ou persoas) Ayán destacou que ábrense varias hipóteses por seren elementos vencellados á milicia pero tamén a homes, facendo chanza sobre un posible amorío entre unha monxa e un infante. “Son elementos vencellados ao mundo masculino militar androcéntrico e haberá que preguntarse que fan eses elementos nun convento de clausura, indo máis alá da anécdota e vendo o espesor histórico que agocha todo isto”, dixo.

Como explicación, o experto destaca que hai un período chave que é o sexenio revolucionario entre 1868 e 1874 cando as monxas son exclaustradas e en Santa Clara hai diferentes proxectos –como o hospicio e outras iniciativas públicas-, polo que “e é probable que elementos militares e civís, estes restos de uniformes, teñan que ver coa ocupación civil e militar dese espazo cando marchan as monxas. Ou tamén pode ser roupa que ficara doada ao convento... Ábrense miles de posibilidades”.

No caso do segundo ‘casquillo’, explicou Ayán, non foi disparado, e está totalmente liso, sen marca de fábrica. Sen embargo, aclarou, identifícase perfectamente como un Mauser alemán, que foi o fusil regulamentario do exército español dende 1890, e que durante a Guerra Civil española foi o empregado polo bando franquista, polo exército sublevado, procedente de fábricas da Alemania nazi e Austria, mentres que o sector da República botaba man de fusiles soviéticos e remanentes doutras guerras anteriores como a de México.

Ese proxectil, indicou o experto, pódese poñer en relación claramente co século XX, lembrando os medos das monxas pola queima en Madrid de conventos e igrexas. Deste modo, Ayán introduciu no seu discurso o tema da Guerra Civil e da Posguerra, facendo  unha análise de Santa Clara non só intramuros, senón tamén coa súa contorna e o que foi naquel entón o nacionalcatolicismo.

Ayán lembrou neste punto a represión fascista da Guardia Cívica liderada por Víctor Lis Quibén, xefe do grupo paramilitar que fixo a represión en Pontevedra, e que tiña o cuartel na parte suroeste da Praza de Barcelos, nos baixos dun edificio hoxe ocupados por unha coñecida marca de lencería. Tamén lembrou o grupo de vivendas Santa Clara, pegado ao convento, que aínda mantén a placa de Falanxe.

“E todo isto permite falar da Alcaldía de Filgueira Valverde, entre o 59 e o 68, e o seu papel de promoción e axuda ao convento. Por exemplo, creou o coro do instituto vencellado a Santa Clara no ano 1953. Despois en Arquivo atopamos documentación do gobernador civil e do propio Filgueira cando era alcalde que conseguiron financiamento da Obra Social do Movemento para a reforma do interior do convento entre os anos 1959 e 1961. Isto tamén é interesante, falar de que foi do convento durante o réxime franquista, tempo no que había unha clara relación -entre o poder e as monxas- porque o nacionalcatolicismo consistía un pouco precisamente niso”, destacou.

Por outra parte, Ayán tamén fixo unha análise sobre o proceso de conformación da identidade das monxas clarisas e a súa clausura dende que entraban de novicias ata que morrían, salientando como no convento a arquitectura, os obxectos, a cultura material eran ferramentas para disciplinar e para xerar esta identidade.

“Un convento é como unha clínica, un cuartel, e gústame reflexionar un pouco sobre iso”, destacou, para lembrar algúns parágrafos do libro ‘De mi viejo carnet’ de Prudencio Landín que explican como eran as celas das monxas, como se vestían, como cortaban o pelo ou usaban o cilicio e tiñan as súas actividades e o tempo totalmente regulados establecendo ritmos, obrigas e regulando os ciclos de repetición, poñendo de manifesto unha “estratexia coercitiva de xénero claramente cara as mulleres”.

O ciclo de charlas sobre Santa Clara finalizará mañá mércores ás 19.30h co sétimo relatorio. A intervención correrá a cargo das doutoras María Martínez e Carmen Salinero, que falarán das ‘Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara’.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.