A Deputación celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente co arranque dos “Bosques Terapéuticos”
A presidenta de Teachers for Future, Miriam Campos, lerá este sábado 4 o manifesto “Unha soa Terra” na saída do programa pola Ruta da Pedra e da Auga en Meis
03/06/2022
A Deputación de Pontevedra volverá celebrar por todo o alto o Día Mundial do Medio Ambiente, que cada ano se conmemora o 5 de xuño, co arranque este sábado 4 da terceira edición do programa provincial "Bosques Terapéuticos" en Meis. Neste primeiro percorrido do 2022, que discorrerá pola Ruta da Pedra e da Auga, será a presidenta de Teachers for Future Spain, a profesora Miriam Campos Leirós, a encargada da lectura do manifesto elaborado con motivo da xornada, baixo o título "Unha soa Terra". Como subliñou a presidenta provincial Carmela Silva, a Deputación "ten un claro compromiso co medio ambiente, porque non só é un día ao ano, senón que o Día do Medio Ambiente son os 365 días do ano". No acto participará tamén a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez.
Carmela Silva lembrou que Miriam Campos Leirós "é unha muller que representa como ninguén o medio ambiente e é un orgullo para nós contar con ela para ler este manifesto". Amais de presidenta de Teachers for Future (Profesoras e profesores polo Futuro) para España, é profesora de Primaria con máis de 20 anos de experiencia na docencia, activista e educadora ambiental. Participa habitualmente como divulgadora nos medios de comunicación e conta con premios como o denominado "El Escarabajo Verde" de Televisión Española na categoría de "Iniciativa procedente da sociedade civil en favor do medio ambiente".
O manifesto "Unha sola Terra" arranca lembrando que se celebran tamén este ano os 50 anos dende a Primeira Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano celebrada en Estocolmo e reivindicará tódolos pequenos xestos e accións posibles para producir cambios positivos de cara á preservación do planeta. O documento pon o acento na necesidade dunha "acción urxente" para abordar os problemas medioambientais e, neste senso, subliña que "non se pode ter unha actitude negativa que nos leve ao derrotismo e a non emprender accións pensando que xa está todo perdido", senón que hai que pensar que "cada acción pode mitigar os efectos do cambio climático e restaurar na medida do posible os ecosistemas que habitamos". "Tomemos conciencia -conclúe- da importancia do día a día do medio ambiente e reivindiquemos medidas urxentes para o seu coidado e protección. Cada acto conta e o tempo aprema".
Amais desta conmemoración, este venres 3 de xuño ábrese o prazo de inscrición para outra iniciativa medioambiental, a gran recollida colaborativa de "basuraleza" a nivel estatal que Libera (unha iniciativa de SEO/BirdLife e Ecoembes) programou para o vindeiro sábado 11 de xuño na praia do Muíño (A Guarda). Con esta acción, a Deputación volve a sumarse á gran rede colaborativa que está a crear Libera para loitar contra a basuraleza en espazos naturais do Estado e tipificar os residuos que se atopan neles, a fin de recompilar o maior número de datos posibles. As persoas que desexen participar nesta actividade, que terá lugar ás 10 horas, poden inscribirse a través do formulario dispoñible na web da Deputación (hai 20 prazas).
Tamén haberá unha actividade no Museo de Pontevedra para celebrar o Día do Medio Ambiente. Será o propio domingo 5 de xuño, ás 12 do mediodía, no Edificio Castelao e consistirá nun espectáculo de clowns para crianzas de entre 4 e 12 anos, centrado na reciclaxe e na conciencia ecolóxica. Leva por título "Cartoons" e correrá a cargo de Josito Porto e Víctor Mosqueira. A entrada é libre ata completar o aforo do auditorio do Edificio Castelao.