O programa “Bosques Terapéuticos” arranca o vindeiro 15 de abril e inclúe este ano 38 rutas por sete espazos da provincia, cun total de 570 prazas

Os baños de bosque celebraranse no Lago de Castiñeiras, a Fervenza do Toxa, a Carballeira de San Xusto, a Illa de Tambo, a Ponte Colgante do Lérez, o Río Eifonso e a Ruta da Pedra e da Auga

05/04/2023

Programa Bosques Terapeuticos

Volven os “Bosques Terapéuticos”, a proposta provincial de lecer, cultural e terapéutica que invita a desfrutar da natureza e dos beneficios dos chamados “baños de bosque” nos espazos naturais da provincia. A partir do 15 de abril e ata o 20 de agosto haberá un total de 38 rutas por sete paraxes situados nos concellos de Marín, Vilaboa, Poio, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vigo e Meis, cun total de 570 prazas. O vindeiro luns, 10 de abril, abriranse as inscricións para as primeiras seis rutas deste mes de abril e as persoas interesadas poderán anotarse na web da Deputación.

Esta é -como destacou a deputada provincial de Medio Ambiente, Iria Lamas- “unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna e, amais, trátase dunha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención mesmo de enfermidades”. Así, a través dunha ruta guiada danse a coñecer os espazos naturais e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios destes “baños de bosque”, que permiten “conectar coa natureza empregando todos os sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación da contorna”.

As 38 rutas desenvolveranse por sete espazos singulares, en concreto o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín); A Fervenza do Toxa (Silleda); a Carballeira de san Xusto (Cerdedo-Cotobade); a Illa de Tambo en Poio; a ruta pola contorna do Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro); a do Espazo Natural do Río Eifonso (Vigo) e a Ruta da Pedra e da Auga en Meis. Serán 15 prazas as ofertadas en cada sesión, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento desta actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

Calendario

As rutas celebraranse os sábados e domingos e, das 38 previstas, 6 celebraranse en abril, outras 8 en maio , 8 en xuño, 10 en xullo e 6 en agosto. En concreto, no mes de abril os “Bosques Terapéuticos” arrancarán o día 15 coa ruta polo Lago de Castiñeiras e continuarán o 16 pola carballeira de San Xusto; o día 22 pola ruta do Río Eifonso;  o 23 pola Illa de Tambo; o 29 da Ruta da Pedra e da Auga e o 30 pola Ponte Colgante do Lérez. Por outra banda, en maio serán o día 6 na Fervenza da Toxa; os días 7 e 13 no Lago de Castiñeiras; o 14 na carballeira de San Xusto; o día 20 na Illa de Tambo; o día 21 a Ruta da Pedra e da Auga; o 27 no Río Eifonso e o 28 pola contorna da Ponte Colgante do Lérez.

No mes de xuño, os itinerarios chegarán os días 3 e 18 á carballeira de san Xusto; o 4 á Fervenza do Toxa; o 10, á Ruta da Pedra e da Auga; o día 11 á Ponte Colgante do Lérez; o 17, ao Lago Castiñeiras; o 24, ao Río Eifonso e, o 25, á Illa de Tambo. En xullo, haberá tres rutas pola Fervenza do Toxa os días 1, 16 e 30; dúas pola Illa de Tambo (2 e 22); e unha no Lago de Castiñeiras (día 8); tamén pola Carballeira de San Xusto (día 9), a Ruta da Pedra e da Auga (día 23) e o Ponte Colgante do Lérez (29). E en agosto, as sesións terán lugar  na Ruta da Pedra e da Auga o día 5; na Illa de Tambo o 6; no Lago de Castiñeiras o día 12; na carballeira de San Xusto o día 13; no Río Eifonso o día 19 e no Ponte Colgante do Lérez o día 20.

As inscricións para as visitas abriranse de mes en mes. Deste xeito, a partir do vindeiro día 10 de abril, ás 9 horas, as persoas que desexen participar nalgunhas das 6 rutas de abril poderán inscribirse a través do formulario que atoparán na web provincial www.depo.gal. Despois, para os baños de bosque de maio as inscricións comezarán o 17 de abril. No caso das de xuño, o prazo iniciarase o 15 de maio, para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta.

audios

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.