#MEDIONATURAL

Proxecto LIBERA

Unidas e unidos contra a basuraleza

O proxecto “Libera” nace como unha iniciativa de SEO/BirdLife, a organización ambiental decana en España, en alianza con Ecoembes, organización ambiental sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases no noso país. Estas únense para loitar contra a basuraleza a través do coñecemento, a prevención e a participación. Desde a súa posta en marcha no ano 2017 “Libera” mobilizou máis de 90.000 persoas e colaborou con máis de 1.500 organizacións e colectivos, e converteuse nun proxecto pioneiro que busca sensibilizar a todos os públicos. Como buque insignia creou "1 m2 pola natureza", para mobilizar a todas as heroínas e heroes de “Libera”.


"1 m2 pola natureza" engloba varias campañas anuais convocadas por “Libera” a nivel nacional, que teñen por obxectivo que todas as asociacións, heroínas, heroes, entidades, empresas e, en definitiva, todas as persoas concienciadas que queiran poidan unirse e tecer unha gran rede de colaboración para loitar unidas e unidos contra a basuraleza en centos de espazos naturais de toda España.

Como todos os anos, o día 11 de xuño vaise levar a cabo o encontro anual colaborativo para recoller basuraleza das contornas naturais, dentro do cal a Deputación de Pontevedra organiza unha recollida na praia do Muíño (A Guarda) ás 10 h. A actividade está destinada a 20 persoas como máximo.

O obxectivo é liberar basuraleza destes espazos, pero tamén caracterizala mediante a aplicación dunha metodoloxía estandarizada e coa axuda de ferramentas de ciencia cidadá (aplicacións). A través delas pódese recompilar o maior número de datos posibles, rexistrados no "barómetro da basuraleza". Esta información incorpórase ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, para coñecer a cantidade, o volume e o tipo de lixo recollido nestas zonas.

“Libera” e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)

A través de todas as súas accións o proxecto “Libera” traballa para axudar a conseguir cinco dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible establecidos polas Nacións Unidas:

4. Educación de calidade

“Libera” contribúe a acadar este obxectivo a través de diferentes accións educativas. Algúns exemplos son as Aulas Libera, iniciativas orientadas ao estudantado universitario, relatorios contra a basuraleza, a Expo Libera ou o programa Libera Makers, que involucra o alumnado de formación profesional para acabar cos residuos na natureza.

13. Acción polo clima

As diferentes campañas contaron con 25.885 voluntarias e voluntarios que limparon máis de 2.042 espazos de todo o país. Grazas ao seu labor, recolléronse 135,5 toneladas de residuos de todo tipo.

14. Vida submarina

Grazas a iniciativas coma "1 m2 polas contornas" e todas as actividades relacionadas, o proxecto favorece o coidado e a protección da vida nos ecosistemas mariños, ademais de incidir nos problemas ambientais da basuraleza e achegar posibles solucións.

15. Vida dos ecosistemas

A través de accións coma "1 m2 pola natureza", "1 m2 polo campo, polos bosques e polo monte" e "1 m2 polos ríos, encoros e pantanos", Libera contribúe a erradicar a basuraleza do contorno terrestre, ademais de aumentar a sensibilización da sociedade e o coñecemento colectivo grazas á información resultante da caracterización dos residuos recollidos nas batidas.

17. Alianzas para lograr os obxectivos

A colaboración é a orixe do proxecto “Libera” e tamén a panca que o fai realidade, como demostran as 34 alianzas que mantén con diferentes organizacións.