A Deputación convoca para o sábado 19 a xornada de retirada de “Basuraleza” en Silleda ao abeiro do proxecto Libera
As persoas que desexen participar como voluntarias nesta actividade, para a que hai un máximo de 20 prazas, poden inscribirse xa a través da web provincial
09/03/2022
A Deputación de Pontevedra vén de convocar unha nova xornada de retirada de “basuraleza” ao abeiro do Proxecto Libera, a primeira deste ano 2022, no marco da campaña “1m2 polos ríos, embalses e pantanos”, que se desenvolverá o sábado 19 deste mes de marzo na contorna da Ponte da Taboada (Silleda). As persoas voluntarias interesadas en participar nesta actividade, que conta cun máximo de 20 prazas, poden inscribirse xa a través do formulario que atoparán na web da institución provincial (https://www.depo.gal/es/-/proxecto-libera).
“1m2 polos ríos, embalses e pantanos” é unha das iniciativas anuais do Proxecto Libera como eixo vertebrador das asociacións, empresas, entidades e persoas concienciadas na loita contra a basuraleza en centos de espazos naturais de toda España. O obxectivo é liberar lixo dos espazos, pero tamén tipificar e caracterizar o tipo de residuos recollidos nestes puntos mediante unha metodoloxía estandarizada e coa axuda de aplicacións móbiles. Deste xeito, os rexistros do “barómetro da basuraleza” incorpóranse ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a fin de coñecer a cantidade, volume e tipo de lixo recollido nas distintas zonas. Desde a súa posta en marcha, o Proxecto Libera, iniciativa de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, mobilizou xa a máis de 90.000 persoas e colaborou con máis de 15.000 organizacións e colectivos.
A actividade en Silleda durará dúas horas e ás persoas voluntarias facilitaráselle o material necesario: luvas, bolsas de distintas cores para segregar os residuos. Hai que destacar que o Proxecto Libera traballa a través de todas as súas accións para axudar a conseguir cinco dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Máis polo miúdo, contribúe á Educación de Calidade (ODS 4), á Acción polo Clima (13); Vida submarina (14); Vida dos ecosistemas (15) e Alianzas para lograr os Obxectivos (17).