A Asociación Mulleres Salgadas formará ás traballadoras do mar en competencias dixitais da man da Deputación

Carmela Silva: “É fundamental que as traballadoras do mar teñan competencias dixitais e quero recoñecer o labor que está a facer esta asociación para que as mulleres teñan voz e voto á hora de tomar decisións no sector” 

09/06/2022

Presentación cursos competencias dixitais na Deputación  

Axudar ás mulleres do mar a acadar competencias dixitais é o obxectivo das accións formativas que vai desenvolver este verán a Asociación Mulleres Salgadas da man da Deputación de Pontevedra. Trátase dun proxecto formativo con dous cursos enfocados á integración das mulleres do sector nas novas tecnoloxías que, como destacou Carmela Silva, "hoxe son clave" para acadar o reto da transformación dixital. A presidenta provincial compareceu xunto á presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, e outras representantes do colectivo, Celia Herbón, Sandra Amézaga, Mar Ambroa, Puri Díaz, Marina Buceta, Ángela García e Teresa Ameneiro, e quixo destacar o papel que está a xogar esta asociación, que agrupa a 1.600 galegas, para visibilizar ás mulleres do mar e conseguir que "teñan voz e voto á hora de tomar decisións no sector pesqueiro".

"Que transformación dixital imos facer se as persoas non teñen estas competencias? -preguntou Carmela Silva-. É esencial que o conxunto da sociedade as teña. Hoxe a firma electrónica é algo normal dentro do sector privado e da súa relación coa administración pública. E con este convenio imos conseguir que as mulleres do mar teñan esas destrezas". A presidenta anunciou que a Deputación continuará esta liña de colaboración con Mulleres Salgadas, primeira e única asociación de traballadoras do mar de ámbito galego. "Hai que recoñecer o papel que están a xogar estas mulleres para acadar capacidade de decisión e de visibilización na relación con todas as administracións -dixo-. Son mulleres das que sentirnos orgullosas, herdeiras doutras que sempre traballaron no mar, invisibilizadas e silenciadas, e sen ocupar o espazo que requirían. Pero agora estas mulleres non van deixar que ninguén máis as cale; falan alto e claro e son visibles". Destacou tamén o deseño do cartel dos cursos realizado por Puri Díaz, que racha cos estereotipos das traballadoras do mar, "porque son mulleres empoderadas, modernas, potentes e libres e este deseño xoga un papel importante."

Como explicou a presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, serán dous os cursos que se celebrarán entre xuño e agosto. Un deles leva por título Alfabetización dixital +55, "que busca que estas mulleres non se sintan desprazadas por non ter estes coñecementos". É, polo tanto, un curso básico orientado ás mulleres de estas idades que as axudará a familiarizarse con cuestións como a creación do correo electrónico, a videochamada, navegación por Internet ou a banca electrónica. O segundo curso é Participación cidadá a través de tecnoloxías dixitais, e será de iniciación, co obxectivo de mostrarlle ás participantes ferramentas prácticas na vida cotián relacionadas coas novas tecnoloxías, con conceptos como a acreditación dixital, xestións telemáticas básicas, notificacións ou sede electrónica entre outros.

Serán un total de dez sesións, cinco de cada un dos cursos, que se celebrarán nos concellos de Vilanova, Cambados, A Illa de Arousa, O Grove e Vilagarcía en horario de tarde e que teñen un máximo de dez prazas cada un. En xuño e xullo celebrarase o curso de Alfabetización dixital +55 (20 e 27 de xuño e 4 e 11 de xullo en Vilanova; 21 e 28 de xuño e 5 e 12 de xullo en Cambados; 29 de xuño e 6,13 e 20 de xullo na Illa; 23 e 30 de xuño e 7 e 14 de xullo no Grove e 24 de xuño e 1, 8 e 15 de xullo en Vilagarcía), mentres que o de Participación cidadá a través das tecnoloxías dixitais será en agosto (1,8,22 e 29 en Vilanova; 2,9,16 e 23 en Cambados; 3, 10, 17 e 24 na Illa; 4, 11, 18 e 25 no Grove e 5, 12, 19 e 26 en Vilagarcía). Para os primeiros as inscricións comezan mañá venres 10 de xuño, mentres que para os de agosto se abrirán o 22 de xuño e as interesadas poden facelas no enderezo electrónico info@mulleressalgadas.es.

Galerias de imagenes

videos

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.