A sede da Deputación en Vigo acolle a entrega do Premio Mulleres Salgadas a Dula Piñeiro, mariscadora comprometida coas súas compañeiras e coa sostibilidade do mar
Carmela Silva: “Dula Piñeiro representa a fortaleza das mulleres do mar; mulleres bravas, traballadoras, loitadoras e que son sinónimo de unión e de sororidade”
20/03/2023
A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra foi un ano máis o escenario do recoñecemento que fai a provincia de Pontevedra ás mulleres do mar, comprometidas coa súa profesión, coa calidade das materiais primas e tamén coa sostibilidade do planeta. Os III Premios Mulleres Salgadas, outorgados pola Asociación Mulleres Salgadas –única en Galicia formada por profesionais femininas que traballan no mar–, recoñeceron a Dula Piñeiro, veciña de Vilanova que leva 34 anos dedicándose ao marisqueo a pé tralo seu paso por unha fábrica de conservas. Ao acto de entrega asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva –que entregou á homenaxeada o seu premio, a figura ‘Mar Peixeira’ de Sargadelos–, así como representantes de colectivos pesqueiros, persoal investigador e parlamentarias galegas.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou “a fortaleza das mulleres do mar, representadas pola figura de Dula Piñeiro, unha muller brava e traballadora que merece o maior dos recoñecementos”. A presidenta agradeceu “a iniciativa da Asociación Mulleres Salgadas, coa que tanta relación temos nesta Deputación, por darlle visibilidade ás mulleres do mar, loitadoras e comprometidas co seu sector, coa calidade dos nosos produtos e coa sostibilidade do mar”, e que ademais “son sinónimo de unión e de sororidade, porque traballando unidas é como se conseguen os avances”. Carmela Silva asegurou que “grazas a estes premios hoxe moitas e moitos de nós coñecemos a Dula, pero tamén a Raquel Souto, premiada en 2021, e tamén a Rita, Carmen e Pepita, premiadas en 2022; mulleres que, de non ser por este recoñecemento, probablemente seguirían sendo anónimas, pero que agora están gravadas con letras de ouro na nosa historia”.
A homenaxeada Dula Piñeiro é un exemplo do que unha muller pode facer uníndose a outras mulleres. “As mulleres do mar –remarcou ao recoller o premio - somos as científicas mariñas, as que vemos se hai mortaldade, os vertidos… Somos as que sufrimos co mar, as que vemos que cada ano desaparecen especies e aparecen outras invasoras que lle sacan o espazo ás nosas, máis débiles. Somos moitas e temos deberes pero tamén dereitos e teñen que dárnolos”. Por iso esta “mariscadora e guerreira”, como así se autodefine, asegurou que “case quedo sen alento cando souben deste premio” e agradeceu “a todas as persoas que me dan ánimo e me din que siga e que valgo. Sempre me considerei unha pouca cousa, e ensináronme que valgo, que son única, que todas as persoas temos os nosos dons e temos que ensinalos”. Especialmente detívose en María José Vales, antiga patroa maior de Vilanova, á que deu as grazas “por ser a máis valente, a propulsora do cambio no noso mundo”.
Pola súa banda a presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez Ordóñez, puxo en valor o apoio prestado pola Deputación e tamén agradeceu “a todas as mulleres e homes polo esforzo de estardes aquí, porque houbo que madrugar moito polas mareas”. Gómez gabou a homenaxeada, Dula Piñeiro, “pola súa vontade de traballo, o seu esforzo no ben común e a súa implicación na defensa do sector do mar e do marisqueo como medio de vida”. A presidenta do colectivo salientou que Piñeiro dese o paso nas pasadas eleccións das confrarías: “que as mulleres se presenten é moi importante para nós porque implica empezar a dar pasos para conseguir unha representación máis xusta e formar parte dos órganos de decisión sobre o noso traballo”.
A Gala de entrega do III Premio Mulleres Salgadas
O acto estivo conducido pola actriz, narradora oral e creadora escénica grovense Atenea García, e contou coa actuación do grupo tamén meco Cinco en Zocas, composto por cinco mulleres que recollen, recuperan e difunden a música tradicional con colleita propia. Este é o terceiro ano consecutivo no que se entregan os premios, que naceron para poñer en valor o esforzo xeneroso e descoñecido das mulleres do mar como homenaxe a estas mulleres anónimas, descoñecidas polo público, que desde o seu labor sacrificado, solidario e positivo contribúen de xeito innegable ao desenvolvemento e progreso das profesións do mar.
A premiada nesta terceira edición, Dula Piñeiro, é unha persoa colaboradora, entusiasta e con moitas ganas de contribuír co seu esforzo a mellorar as condicións de traballo e de vida dela e das súas compañeiras. A este respecto destaca o seu postulado a patroa maior da confraría A Pastoriza de Vilanova nas eleccións celebradas a finais do pasado 2022 (comicios nos que non saíu escollida, pero aos que se presentou facendo fronte a moitas dificultades). Os seus inicios como mariscadora están marcados pola sobreexplotación, a falta de control e tamén a precariedade e a conflitividade previas á regularización do marisqueo en Galicia, así como a discriminación cara ás mulleres ao considerarse a súa actividade como un complemento e non un emprego. Na actualidade Dula Piñeiro valora moito o seu traballo e a liberdade que ofrece, malia que asegura botar de menos un maior compromiso social e ambiental por parte das persoas que viven preto da costa e denuncia os vertidos e a contaminación no mar, que provocan que o marisco morra, non medre e apenas teña rexeneración.