#8M a Deputación volve encher marzo coa programación máis potente do estado para defender “A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos”

Carmela Silva: “Xunto a todas vós imos seguir berrando alto e claro, con orgullo e forza, e non nos deteremos. Non podemos permitir que se cuestionen os nosos dereitos e que se poña en cuestión a axenda feminista, que dunha vez ten que estar no centro”

01/03/2023

Programación 8M

“I eu querendo que me escoites”, o verso da canción da cantante A Riso, foi hoxe a mellor introdución da programación que a Deputación de Pontevedra ten deseñado ao abeiro do #8M, “a máis potente e ambiciosa de Galicia e todo o Estado”, en palabras de  Carmela Silva. “Queremos que se escoite a nosa voz, ocupar o noso espazo e loitar polos nosos dereitos”, foi a firme declaración de intencións convertida en lema co que a presidenta provincial avanzou hoxe a longa lista de actividades do programa nun acto no Pazo Provincial, onde a música, a arte e a reivindicación das mulleres uníronse en alianza fronte “os vellos e novos ataques aos logros conseguidos polo feminismo”. Neste encontro participaron as creadoras Carmen Quinteiro, Puri Díaz e Ofelia Cardo, que van protagonizar as accións do vindeiro 8M nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, e actuaron a cantante A Riso, participante no programa Descúbreas, xunto á pianista Lidia Aldao nun ateigado salón de plenos, cheo de representantes de diversos colectivos de mulleres, como Amparo Zacarés, presidenta de Clásicas e Modernas, a profesora Mari Lires, ou a secretaria de Mulleres Salgadas, Sandra Amézaga.

O despregue este venres 3 de marzo das pancartas reivindicativas do 8M co lema deste 2023 no Pazo Provincial e na sede de Vigo marcará o arranque oficial da programación que, como destacou Carmela Silva, leva o hashtag #depoPORelas365 “porque a nosa reivindicación non se detén tralas datas sinaladas no calendario da visibilización da igualdade, senón que traballamos os 365 días do ano sen parar nin un minuto nin un segundo”. A presidenta provincial quixo deixar claro, agradecendo a presenza no acto das mulleres dos distintos colectivos cos que traballa a Deputación e o seu traballo en prol da igualdade, que “xunto a todas vós imos seguir berrando alto e claro, con orgullo e forza e non nos deteremos. Queremos formar parte da vosa voz e hoxe queremos dicir que nos escoiten. Nin un paso atrás a prol da loita contra os dereitos das mulleres”. “Temos claro –engadiu- que soamente seguiremos avanzando co traballo conxunto dun feminismo forte, unido e presente nas institucións. Non podemos permitir que se cuestionen os nosos dereitos, que se poña en cuestión a nosa axenda feminista.  E dígoo con claridade. Non a vexo no centro e hai que situala no centro. Por iso imos seguir creando alianzas, coa política, coa cultura, co movemento feminista, cos medios, coa creatividade”.  

Deste xeito, fronte a un 2022 “de contexto moi hostil para as mulleres”, a institución provincial ofrece unha programación con novas liñas de actuación e estratexias, sempre desde unha perspectiva feminista, “unindo esforzos que garantan esa loita conxunta polos nosos dereitos, porque unha administración que cre na igualdade ten que ser receptora das grandes ideas da igualdade”. “A defensa dos dereitos das mulleres está presente desde hai ducias, centos de anos na axenda que foi conformando o movemento feminista, ao que lle debemos todo. Nós desde esta Administración Pública, xunto con moitos colectivos, asociacións e institucións, o que facemos é sumarnos”.

Programación

A programación do 8M estrutúrase, deste xeito, nas Alianzas na Política, na Empresa-Economía, nos Medios de Comunicación, no Saber, Investigación e Universidade e na Creatividade, así como na aposta pola Coeducación e por visibilizar o legado da excelencia das mulleres. Trala lectura no último pleno do Manifesto redactado pola maxistrada do Tribunal Constitucional, María Luisa Balaguer e a vindeira colocación das pancartas reivindicativas nas sedes provinciais, o mesmo 8 de marzo terán lugar os actos centrais en Pontevedra e Vigo.

No primeiro caso, a cita é ás 11 horas, no Pazo Provincial, coa intervención artística denominada Alguén aquí? que protagonizará a mestra, escritora e artista Carmen Quinteiro, coas músicas Su Garrido e Sheila Patricia. A peza apelará, como avanzou Carmela Silva, “a estar alerta e reafirmar a urxencia de non baixar a garda en defensa dos dereitos das mulleres; vai ser un golpe duro para que a sociedade reflexione sobre a necesidade de tomar partido pola igualdade”. Para iso panelarase e decorarase a porta central do Pazo Provincial con cintas de baliza de perigo e a acción contará con ambientación sonora e visual. Quinteiro explicou que Alguén aquí? responde “ás alarmas que soan cada vez máis alto e non van calar” e fixo fincapé en que “o feminismo non é moda, é xustiza de vida e quen non queira asumilo é porque ten uns ollos cegos para entender de que vai a vida”.

En Vigo a acción será ás 17.00 horas e titúlase 2,2 quilómetros de alento, a cargo das artistas Andrea Mosquera e María Roja, que culminará coa apertura das exposicións na sede a cargo de Puri Díaz e Ofelia Cardo. Será unha performance que terá lugar entre o Xulgado de Violencia Sobre a Muller e a sede de Vigo, un tramo de 2,2 quilómetros a través do que as dúas mulleres, cargadas con bolsas da compra, irán deixando ao seu paso laídos de auxilio que se mesturarán ata perderse na paisaxe sonora urbana. As creadoras da peza explicaron por vídeo que a acción será na rúa “para darlle a oportunidade á xente de estar en contacto coa arte en espazos que non son habituais”.

A tarde rematará na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo onde se inaugurará a exposición A muller da miña vida de Puri Díaz, con imaxes que supoñen “un canto coral da memoria (e da miña memoria)”.  E na sala Maruja Mallo, abrirase a mostra de fotografía, escultura e instalación Dar alento de Ofelia Cardo con pezas centradas na intersección entre feminismo e ecoloxía, que “entrelazan a histórica opresión sobre a natureza e a que sofren as mulleres”.

No que atinxe ás Alianzas na Creatividade, no acto presentáronse as mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy no marco do programa Mulleres en Acción. Violencia Zero”. As creadoras interviñeron por vídeo para amosar as súas propostas para estas mochilas, das que se distribuirán 4.500 unidades e que se repartirán nas distintas accións de Violencia Zero na provincia. Alba Casanova elaborou un deseño que reflexiona sobre as limitacións dos estereotipos de xénero, La Platanera quixo simbolizar o feminismo a través dunha regadeira que “sementa igualdade” e Heyjuddy, a través da cara dunha muller, conforma tamén a idea “da semente de vida e respecto”. Tamén no seo do citado programa, o día 7 de marzo terá lugar a acción no Auditorio do Grove a cargo de Xela Marx e Maya Marx  e o 9 de marzo a acción no CPI Arquitecto Palacios de Nigrán a cargo de Neves Seara e Elsa Pereira.

Tamén se sumarán alianzas no ámbito creativo a través do Manifesto de Soutomaior, coa entrega o 14 de marzo en Pontevedra dos premios Cambiemos o conto, que recoñecen as mellores redaccións centradas na Igualdade e na loita contra a violencia de xénero de alumnado de Secundaria da provincia. Así mesmo, lanzarase a convocatoria dos premios literarios “Hai unha voz” para incentivar, apoiar e recoñecer o papel das escritoras e profesionais no ámbito da literatura galega. E o 21 de marzo presentarase o libro “Ti non sabes o que é ser escritora” que recolle relatos inéditos das asinantes do Manifesto sobre feminismo acompañados de creacións de mulleres ilustradoras.

A Deputación lanzará tamén este mes a terceira edición dos premios #MulleresNoFoco e abrirá o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa Conectadas e no roteiro Elas, produtoras executivas. Amais, este  sábado, 4 de marzo, arranca o programa Mulleres Extramuros”, no lugar de Vide, nas Neves, e o 24 de marzo será a quenda do proxecto “Oh, rosas vivas”, en colaboración con CIMA, que, a través do grupo de música antiga Gallaecia Ensemble Barroco, o muralista Yoseba Murazábal, a poeta María Lado e a creadora visual Laura Iturralde, porá en valor a figura de compositoras dos séculos XVII e XVIII pioneiras na profesionalización da muller no eido musical.

No marco das Alianzas na Empresa-Economía, a sede de Vigo da Deputación acollerá a entrega dos Premios Mulleres Salgadas o día 20 de marzo, mentres que a colaboración cos Medios de Comunicación plasmarase no foro As Mulleres que Opinan son Perigosas, que se celebrará en Pontevedra os días 17 e 18 de marzo.

Por outra banda, as Alianzas na Investigación e a Universidade impulsarán neste mes de marzo varias actividades da Escola de Igualdade María Vinyals: os sábados, a sede de Vigo acolle o programa Canteira de Igualdade, e os mércores, o ciclo de videoconferencias con potentes científicas “Ciencia en Feminino”, en colaboración con GCiencia. Amais, os días 29 e 30 de marzo o Castelo de Soutomaior acollerá o III Encontro Nacional de Políticas Públicas. Muller e Poder, dirixido por Rosa Cobo e no que participarán mulleres referentes do feminismo de todo o Estado.

Por outra banda, este venres o día 3 inaugurarase a exposición Muller e Sustentabilidade do Mar na Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa), cunha charla a cargo de Mari Lires. E o día 22 de marzo presentarase o programa “Precursoras da sustentabilidade”, un proxecto que recuperará a memoria de 40 mulleres que contribuíron cos seus coñecementos á sostibilidade do planeta. Ademais a Deputación asinará convenios coa Universidade de Vigo para seguir impulsando a Cátedra de Feminismos 4.0, a feira-exposición científica “A ciencia que vén ten nome de muller” e unha nova edición de Inspira STEAM .

Por último, para incidir na Coeducación como clave para o cambio estrutural, o 20 de marzo entregaranse en Pontevedra os premios do concurso “Grazas, Xoguetes e a Deputación seguirá visibilizando o talento e o legado da excelencia das mulleres con 365 Días, 365 Mulleres e o proxecto Aquí faltan páxinas.

Galerias de imaxes

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.