A Deputación redobra a súa colaboración con “Mulleres Salgadas” e cede á asociación un local en Vilagarcía
O inmoble, propiedade da institución provincial, poderá ser utilizado por todos os colectivos de mulleres do mar da provincia para actividades corporativas e formativas
24/03/2023
A Deputación suma unha nova colaboración coa Asociación Mulleres Salgadas, a primeira e única asociación de ámbito galego de mulleres do sector pesqueiro, coa cesión gratuíta dun local provincial, situado no baixo do número 46 da Avenida Doutor Tourón de Vilagarcía de Arousa, para que a entidade poia establecer alí un espazo polivalente para o seu uso, así como doutros colectivos de mulleres do mar da provincia. Previamente á cesión, enmarcada nun convenio que se aprobará no pleno da Corporación Provincial deste mes de marzo, a Deputación realizou unhas obras de acondicionamento interior valoradas en 63.000 euros para redistribuír os seus espazos. A institución volve colaborar deste xeito co colectivo para que poida cumprir todos os seus obxectivos, tendo en conta que a súa actividade supón a mellora das condicións das mulleres, nun sector onde seguen a estar amplamente invisibilizadas.
O local, cunha superficie de 101 metros cadrados, converterase nunha oficina polivalente de carácter administrativo que funcionará como un punto de encontro para as agrupacións e asociacións de mulleres que realizan actividades profesionais do sector primario, especialmente do mar. Deste xeito, a cesión do local de Mulleres Salgadas –inicialmente por un período de catro anos– suporá que poida ser aproveitado por todos os colectivos do sector na provincia, onde se poidan organizar tanto actividades corporativas da asociación, como asembleas, xuntas e reunións de órganos sociais, como tamén actividades formativas, charlas, coloquios e encontros que contribúan a mellorar o tecido asociativo e a capacitación das mulleres do mar.
As actuacións de acondicionamento interior no local consistiron na distribución do espazo con despachos independentes, unha sala polivalente e dous aseos (un deles adaptado ás persoas con mobilidade reducida). Os traballos supuxeron un investimento de 63.000 euros para financiar a demolición e conformación de novos tabiques divisorios, a formación dos aseos e instalacións de fontanería e saneamento, a renovación das carpintarías, pavimentos e instalacións de electricidade e iluminación, así como a dotación dunha instalación de renovación de aire, e outras actuacións de acabados, reparacións e pintado.
Mulleres Salgadas é unha asociación de mulleres do sector do mar que engloba todos os oficios e profesións e que se reivindica de maneira explícita como unha organización feminista. As súas máis de 1600 asociadas participan, de maneira individual ou a través das súas confrarías, de empresas, asociacións de meixoeiros, asociacións culturais ou cooperativas. Constituíuse en 2016 para recoñecer e poñer en valor o traballo feminino no mar na Ría de Arousa, pero desde 2021 abrangue toda Galicia converténdose, así, na primeira e única asociación de ámbito galego de mulleres do sector pesqueiro.