A Deputación mobiliza case 675.000€ para impulsar novas obras, actividades deportivas, culturais e turísticas

23/06/2022

pleno xuño

O Pleno da Deputación aprobou hoxe un novo paquete de medidas que contribuirán á axilización da xestión dos fondos europeos Next Generation e ao reinvestimento dun total de 673.755€ derivados da boa xestión orzamentaria deste ano e que se traducirán en novos investimentos nos concellos, no reforzamento da transformación da rede provincial de estradas, así como en accións de promoción deportiva, cultural, turística e patrimonial por toda a provincia. Unha modificación de créditos que foi definida polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, como unha mostra máis “da boa saúde económica acadada e da boa xestión que se practica na Deputación”.

As partidas irán á renovación do material do programa “DepoComparte” (50.000 euros), unha iniciativa que pon material a disposición dos concellos para a organización de eventos municipais. Tamén se reforza a partida (25.000 euros) para colaboración coas xornadas sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e Deporte que se celebrarán en Pontevedra coa organización da Rede de Entidades Locais da Axenda2030 e financiadas polo Consello Superior de Deportes. Na área de Cultura, entre outras cousas increméntanse os fondos para os premios Emilia Pardo Bazán (80.000 euros) e créase unha subvención nominativa (45.000 euros) para a asociación Clásicas e Modernas para a igualdade de xénero de cara a organización do “I Encontro Internacional Mulleres da Escena” e creación da rede europea de mulleres da escena. En turismo inxéctanse 21.000 euros á promoción do destino Rías Baixas Pontevedra Provincia e á xestión do castelo de Sobroso (15.000 euros), que vén de ser musealizado. Ademais, tamén se dota con 20.000 euros ao proxecto de elaboración de vídeo para a Film  Commission da provnicia de Pontevedra. Aumenta o orzamento do servizo de Patrimonio documental para posibilitar a publicación de máis libros (25.000 euros) e apóiase (3.500 euros) o programa de detección e estímulo precoz nas matemáticas da Universidade de Santiago, no que a Deputación de Pontevedra xa ten colaborado noutras ocasións.

Amais, o Concello de Moaña se vai beneficiar de 154.255 euros despois de que a Deputación conseguira fondos FEDER IDAE para as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial a Coiro. Unha achega de fondos europeos que vén sumarse ás acadadas para outras obras xa realizadas nos últimos meses en Ponte Caldelas, Poio, Redondela, Meaño e O Rosal. Ao igual que xa sucedeu neses cinco concellos, Moaña disporá agora dos fondos para realizar novas obras, entre as que figuran o colector de pluviais no camiño Riazón-Colexio Novo, o novo “skatepark”, a mellora de accesibilidade no parque de Tirán e unha pista de “pumptrack”.

Máis axilidade cos Next Generation

Ademais, o Pleno modificou as bases de execución dos Orzamentos de 2022 para axilizar os expedientes relacionados coa xestión dos fondos europeos Next Generation. Os cambios axilizarán a tramitación dos convenios cos concellos dispensándoos do requisito obrigado de ter ingresado na Tesourería provincial as súas achegas antes da sinatura dos convenios. As achegas realizaranse, a partir de agora, no prazo que se estipule nos convenios. Ademais,  facúltase á Deputación para esixir o ingreso de débedas ou mesmo de garantías. Por outra banda, se aprobou tamén un suplemento de créditos de 44.000 euros para que a Escola de Enfermería adquira novos bonecos simuladores e actualice así os existentes. Con esta medida garántese o mantemento da calidade e a excelencia da formación que se presta neste centro universitario dependente da Deputación.

Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade dúas mocións para reclamar ao Goberno de España o operativo para “baixar” ao pecio do Vila de Pitanxo co obxecto de inspeccionar os restos do buque, e para que o novo mapa concesional de autobuses interautonómicos, que está a someter o Goberno a alegacións das Comunidades Autónomas, non afecte aos desprazamentos interiores en Galicia garantindo a continuidade das paradas na provincia. No caso do Plan Estatal de Transportes o deputado Carlos Font remarcou que Galicia non pode saír prexudicada, polo que deben facerse os reaxustes necesarios. “Isto non vai de posicións partidistas, isto vai de buscar unha solución para o transporte público que non prexudique aos usuarios no máis mínimo”. Font remarcou que o Goberno de España ofreceu diálogo á Xunta e mesmo compensacións económicas para reordenar as conexións interiores e encaixalas dentro do Plan de Transporte Público de Galicia. Por este motivo rexeitou a deslealdade institucional que supón criticar un borrador antes de presentar as alegacións a un Plan Estatal que, en todo caso, non entrará en vigor antes de finais de 2024.

O deputado xa anunciou que no próximo Pleno presentarase outra moción para pedir a mellora do Plan de Transporte Público de Galicia, correspondente á Xunta, para garantir a calidade nos desprazamentos no interior da comunidade porque “o que si está a funcionar rematadamente mal é o Plan da Xunta que recibe queixas continuadas dos concellos e das persoas usuarias. Esperamos, rematou Font,  que o PP vote a favor da moción que imos presentar porque en caso contrario demostraría que coa súa de hoxe só buscan ruído e non a mellora da calidade dos servizos que é o que nós defendemos”.

Pola súa banda, César Mosquera cualificou o debate sobre o transporte público como “importantísimo” xa que toda a cidadanía “ten dereito a ter un transporte público” e “non se pode deixar sen servizo público á veciñanza”. O vicepresidente asegurou que cómpre analizar as alternativas de transporte público “a medida de cada necesidade e funcionalidade, de xeito racional, profundo e non fragmentario”, e amosou o seu desexo de que haxa “un servizo operativo” e de formular “o fondo da mobilidade interautonómica coas medidas que debe ter”.