A Deputación continúa coa transformación enerxética da provincia coa posta en marcha de novas instalacións fotovoltaicas en cinco concellos
O IDAE revalida a aposta da Deputación polas enerxías sostibles e concede á Administración provincial unha nova axuda de 134.000 euros para instalar as placas solares en Caldas de Reis, Catoira, Dozón, Forcarei e Ribadumia
11/11/2022
O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) vén de conceder unha nova axuda de 134.000 euros á Deputación de Pontevedra para dotar de instalacións fotovoltaicas a varios edificios de cinco concellos da provincia, revalidando desta maneira a aposta da Administración provincial polas enerxías sostibles. En concreto, esta achega enmárcase dentro da medida de instalacións de xeración eléctrica renovable para autoconsumo da convocatoria de axudas para inversións a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (DUS 5000) do Plan de Recuperación. O IDAE financia con esta achega o 85% das actuacións que se levarán a cabo nos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Dozón, Forcarei e Ribadumia, mentres que o 15% restante (25.238 euros) repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos nos que se instalan as placas solares.
Por concellos, o IDAE concede 47.233 euros para instalar as placas solares na Casa Consistorial Caldas de Reis, cuxa instalación terá unha potencia de 21,76 kW e unha produción anual estimada de 26.658 kW, e no polideportivo e a piscina municipal, cunha potencia de 20,4 kW e unha produción anual estimada de 23.876 kW. No caso de Catoira, con 17.767 euros as instalacións fotovoltaicas situaranse no Colexio Público Integrado, con potencia eléctrica de 10,88 kW e unha produción anual estimada de 12.677 kW, e no Pavillón de Deportes (5,44 kW e produción estimada de 7.023 kW). En canto a Dozón, procederase a colocar novas instalacións na Casa do Concello, con potencia eléctrica de 2,72 kW e produción anual estimada de 7.023 k W, no Centro de Saúde (2,72 kW e produción estimada de 3.478 kW) e no Albergue (10,88 kW e produción estimada de 14.828 kW) cunha axuda de 17.767 euros.
As placas solares coas que se dotará á Casa do Concello de Forcarei, grazas a unha axuda de 9.145 euros, terán unha potencia eléctrica de 8,16 kW e unha produción anual estimada de 10.115 kW. Por último, no concello de Ribadumia as instalacións fotovoltaicas colocaranse na piscina e no Club Náutico, onde contarán cunha potencia eléctrica de 10,88 kW e unha produción anual estimada de 12.081 kW, na Casa da Cultura (10,88 kW e unha produción estimada de 13.227 kW) e no Complexo Deportivo (16,32 kW e unha produción anual estimada de 21.585 kW).
Con esta nova achega, no que vai de ano a Deputación recibiu de man do IDAE fondos europeos por valor de preto de 2 millóns de euros para realizar actuacións en doce concellos da provincia en materia de eficiencia enerxética e mobilidade sostible. En total, nos últimos catro anos foron 13,9 millóns de euros de fondos europeos do IDAE para diferentes proxectos con destino a 55 concellos e a unha entidade menor.