A aprobación de tres novos proxectos europeos para a provincia de Pontevedra obriga á Deputación a modificar o seu orzamento anual

Un total de 22 concellos beneficiaranse das iniciativas do Commerce Inside, Da Túa Man e DepoForest, que mobilizarán case 2,3 millóns de euros

29/04/2022

A aprobación de tres proxectos europeos para a provincia de Pontevedra, coa mobilización dun total de 2.265.902 euros para mellorar o comercio, a xestión forestal e o emprego dun total de 22 concellos da provincia, leva á Deputación a modificar o seu Orzamento para este ano co obxectivo de reservar as partidas necesarias para o cofinanciamento das actuacións previstas. O importe total da modificación, aprobada polo Pleno provincial, é de 799.083,25 euros.

O programa europeo Commerce Inside, cun orzamento global de 1.097.350 euros (cun 70% de achega europea) ten como obxectivo impulsar a transformación dixital do comercio e a mellora do seu impacto no medio ambiente. Trátase dun proxecto cunha clara vocación turística a través do comercio local que tamén busca contribuír á cohesión social e territorial por medio do uso racional dos recursos naturais e a xeración de postos de traballo de calidade. O programa impulsará tamén o nacemento de novos negocios comerciais en Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Vilanova de Arousa, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove.

O programa Da Túa Man, cun orzamento de 1.066.085 euros (70% de achega europea) chega cun nome que alude á participación dos propios comerciantes na modernización dos seus negocios en dirección ás novas tendencias do mercado, pero tamén ao papel activo da cidadanía de cada concello como axente colaborador para o fortalecemento do comercio de proximidade, onde todo o mundo é protagonista. Desenvolverase en Silleda, O Rosal, Tomiño, Moaña, A Cañiza, Poio, Ponte Caldelas, Meaño, Ribadumia, Gondomar e Salceda de Caselas.

Finalmente, o proxecto DepoForest, dedicado á xestión integral e aproveitamento dos piñeirais, parte cun orzamento de 102.466 euros (dos que a Unión Europea achega o 90% a través da Fundación Biodiversidad F.S.P.). Está orientado á creación de emprego a través de proxectos de formación, asesoramento e innovación social dirixidos a persoas desempregadas no marco do programa "Empleaverde", do Fondo Social Europeo. Preténdese así facer fronte ao reto demográfico creando emprego no medio rural e contribuíndo a unha estratexia forestal diversa e sostible.

O Pleno provincial tamén aprobou un suplemento de créditos de 1.529.970 euros para sufragar o incremento no subministro de enerxía eléctrica de tódalas dependencias provinciais ao longo deste ano 2022. Unha suba que, como remarcou o deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, está a afectar a tódalas Administracións, polo que aproveitou o debate para reclamar da Xunta de Galicia que dedique parte dos ingresos a maiores que perciba pola súa participación nos impostos estatais eléctricos (50%) e sobre os hidrocarburos (58%) a desenvolver un plan económico específico de apoio aos pequenos e medianos concellos da provincia, que se vén obrigados a afrontar este incremento no seu gasto corrente.

Font: "A Xunta ingresa 600 millóns en impostos sobre os combustibles"

Por outra banda, o Pleno rexeitou, cos votos dos grupos do Goberno provincial, a moción do Partido Popular para reclamar a aprobación dun Plan de Axudas Directas aos sectores da pesca, agrogandería e transportes por mor do impacto dos prezos dos carburantes. Carlos Font, despois de explicar que o Estatuto de Autonomía atribúe as competencias exclusivas sobre estes tres sectores económicos á Xunta de Galicia, recordou que o Goberno galego recadará este ano uns 600 millóns de euros polos impostos cedidos os carburantes, mentres a Deputación e os concellos "ingresarán cero euros". Por este motivo, pediu que se dedique unha parte desa recadación autonómica a axudar aos sectores, "que aínda non recibiron un euro da Xunta". Font lembrou que o Goberno de España, en cambio, xa puxo en marcha axudas directas valoradas en 430 millóns de euros, ademais dunha bonificación de 20 céntimos nos combustibles, extensible a toda a cidadanía, que supón un desembolso estimado doutros 1.500 millóns de euros".

Carlos Font pediu ao PP que non distraia a atención "con este tipo de mocións". Ademais, recordoulle aos populares que a Federación Nacional de Confrarías de Pesca reclamou da Xunta un plan autonómico de axudas, sen recibir resposta. Ademais, o PP votou xa por dúas ocasións no Parlamento de Galicia en contra de habilitar subvencións á pesca, agro, gandería e pesca. Na mesma liña, o vicepresidente, César Mosquera, destacou que, á parte de tratarse dunha competencia autonómica, de aprobarse esta proposta o seu impacto sería insignificante, dada a capacidade económica da Deputación para actuar en sectores desta envergadura: "Sería como activar a mangueiriña de Feijoo".

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.