A Deputación dota a 21 municipios da provincia de novos espazos embellecidos para darlle vida ao comercio local

As zonas de descanso que se instalan no marco das actuacións dos proxectos “Da túa man” e “Commerce Inside” contan con prestacións como cargadores solares, puntos de recarga, iluminación ou elementos ornamentais, ademais de paneis informativos

22/11/2022

Ata 21 municipios da provincia de Pontevedra contarán a partir do vindeiro mes de decembro con zonas de descanso verdes dotadas de diferentes prestacións grazas á Deputación de Pontevedra. É unha das accións que se están a levar a cabo ao abeiro dos proxectos “Da túa man”, dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e “Commerce Inside”, dirixido a concellos turísticos. Os proxectos, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70% do orzamento, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade.

En concreto, ao abeiro do proxecto “Commerce Inside” en Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove instalaranse tres zonas de descanso en diferentes localizacións dos municipios, todas elas con cargadores solares, puntos de recarga, asentos, iluminación e xardineiras. Por outra banda, no caso dos concellos que forman parte do programa “Da túa man”, sete deles (A Cañiza, Gondomar, Moaña, Meaño, Silleda, Ribadumia e Poio) contarán con zonas de descanso verdes coas mesmas prestacións, mentres que nos outros catro (Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas e Tomiño), tan solo se instalarán xardineiras.

Ademais, a maioría destas novas áreas verdes de descanso estarán dotadas con paneis informativos luminosos de baixo consumo con toda a información necesaria sobre a localización da zona comercial e dos comercios existentes na mesma, impulsando así a comunicación dos espazos comerciais destes 21 municipios dotándoos dunha imaxe personalizada para caracterizalos como un espazo único e homoxéneo. Toda a información será accesible a través dun código QR e cargaranse con enerxía solar.

A deputada delegada de Promoción Económica e Emprego, Raquel Giráldez, xunto co alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, comprobaron o avance no estado dos traballos de instalación das zonas de descanso, que comezaron esta semana e rematarán nos primeiros días de decembro. Ao instalar estas áreas, a Deputación busca favorecer os procesos de compra, embelecer a contorna comercial, crear novos puntos de reunión vinculados ao comercio, mellorar a experiencia de compra das persoas consumidoras, garantir a accesibilidade universal para todas as persoas e promover a utilización de enerxías renovables a través de cargadores solares.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.