A Deputación subministrará bolsas e mochilas sostibles para visibilizar o comercio local de proximidade en nove concellos da provincia

A acción, que conta cun orzamento de 32.000 euros, chegará aos concellos de Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro

 

26/09/2023

A Deputación de Pontevedra ten o prazo aberto para contratar a subministración de bolsas e mochilas sostibles para os concellos de Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro. Cun orzamento de 32.000 euros, é unha das accións do proxecto “Da túa man”, financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU a través da convocatoria de axudas de 2022 para o apoio da actividade comercial en zonas rurais, que ten por finalidade visibilizar e modernizar o pequeno comercio local para adaptalo aos novos hábitos de consumo, ao implantar as novas tecnoloxías e desenvolver prácticas que promovan a economía circular. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o luns 9 de outubro.

Esta acción comprende o deseño, a produción e a distribución de bolsas sostibles para potenciar a concienciación da importancia da economía circular mediante a reciclaxe de materiais. Tamén pretende reforzar a imaxe dos produtos locais e do comercio de proximidade, así como un destino sostible e respectuoso co medio. Para isto, ademais, estes elementos contarán con códigos QR que terán asociadas diferentes campañas de sensibilización para impulsar a xestión de residuos e concienciar as e os consumidores do fomento da sostibilidade e da loita contra o cambio climático.

En total, o contrato inclúe a subministración de 22.650 unidades, entre bolsas e mochilas sostibles, con deseños individualizados para o proxecto “Da túa man”. Concretamente, serán 7.800 bolsas de bioplástico compostable, 1.800 mochilas de plástico reciclado rPET e 13.050  bolsas de algodón 100 % reciclables e reutilizables.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.