A Deputación dota aos concellos da provincia de novas prestacións para potenciar o comercio de proximidade
Carmela Silva: “Buscamos converter as zonas comerciais en espazos identificables que conten cun valor engadido, con comercios sustentables e dixitais”
13/01/2023
A Deputación de Pontevedra continúa coa implantación dos programas financiados con Fondos Next Generation “Da túa man”, de apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e “Commerce Inside”, de fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas. A Xunta de Goberno vén de aprobar a adxudicación dos contratos para subministrar aos concellos participantes nos proxectos packaging sustentable e illas ecolóxicas cunha inversión total de 775.610 euros. “Buscamos converter as zonas comerciais en espazos identificables que, ademais, conten cun valor engadido, porque poderán ‘presumir’ de apostar por un comercio de proximidade que é sustentable e dixital”., asegurou a presidenta d Deputación, Carmela Silva.
Máis polo miúdo, no caso do packaging serán preto de 500.000 bolsas reciclables que “van identificar o comercio de proximidade, serán respectuosas co medio ambiente e servirán para potenciar o consumo responsable”, como explicou Carmela Silva. As bolsas repartiranse entre os concellos de Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados, O Grove, A Cañiza, Gondomar, Moaña, O Rosal, Silleda, Salceda de Caselas, Tomiño, Poio e Ribadumia.
No que respecta ás illas ecolóxicas, estarán formadas por catro colectores e se instalarán nos concellos de Bueu, Tui, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados, O Grove, A Cañiza, Gondomar, Moaña, Ponte Caldelas, O Rosal, Silleda, Salceda de Caselas, Poio e Meaño. Estas dotacións instalaranse nas contornas das zonas comerciais dos concellos participantes, o que demostra a aposta da Deputación porque haxa “un tratamento dos residuos que sexa acorde co século XXI, coa sustentabilidade e co medio ambiente”.
Estes novos contratos son un paso máis no percorrido dos proxectos “Commerce Inside” e “Da túa man”, a través dos cales xa se desenvolveron, ou están agora en marcha, outras actuacións como unha campaña de comunicación en soportes dixitais; o embelecemento das zonas comerciais coa habilitación de espazos axardinados de descanso que garantan a accesibilidade universal, próximas ás áreas comerciais, ou a sinalización corporativa para o comercio de proximidade. Ademais, estase a dotar aos concellos participantes de tótems interactivos, puntos wifi en zonas comerciais, sistemas de recollida de pedidos, puntos de recollida intelixentes ou plataformas de xestión de áreas comerciais, entre outras.