Vigo convértese na capital europea da igualdade co “I Encontro Internacional de Mulleres da Escena”
Carmela Silva: “Se nós non estamos e non ocupamos a metade das actividades das artes escénicas, as nosas historias, a nosa perspectiva e a nosa forma de entender a vida e o mundo non van estar presentes”
25/10/2022
Tras unha espectacular apertura na Casa das Artes de Vigo con acrobacias aéreas, cheas de forza, poderío, beleza e alegría, a cargo do dúo integrado por Raquel Oitavén e Mercé Solé, “Duelirium”, vén de inaugurarse o “I Encontro Internacional de Mulleres da Escena en Igualdade. MEI 2022” que converte a Vigo na capital europea da igualdade nas artes escénicas. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta de Clásicas y Modernas, Fátima Anllo abriron o encontro, que se estenderá ata este xoves, 27 de outubro, e concentrará na cidade olívica a máis de 30 conferenciantes, todas elas mulleres de referencia das artes escénicas de España, Portugal, Suecia, Grecia, Francia e Reino Unido que o converten no acontecemento europeo “máis potente” en materia de igualdade e artes escénicas nunca organizado ata o momento.
“Non digo nada novo se afirmo que as historias, a cultura, crean pensamento cunha enorme capacidade para transformar o mundo no que vivimos. Se nós non estamos, non ocupamos a metade de todas as actividades das artes escénicas, as nosas historias, a nosa perspectiva, as nosas ideas e a nosa forma de entender a vida e o mundo non están presentes” asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que cualificou de “total inxustiza” o feito de “non poder desenvolver o noso talento e capacidade”. “Temos dereito -reclamou- a contar historias, a dirixilas, a facer guións. Sen as nosas historias estamos cegas e cegos, non temos todo”. Por este motivo o MEI 2022 trátase dun encontro “de enorme nivel, que vai permitir reflexionar, compartir, propoñer e marcar a folla de ruta por onde teñen que ir as artes escénicas en Europa, convertendo a España no lugar que aposta máis seriamente por todo este sector e o papel que desempeñan as mulleres nel”. Carmela Silva destacou que “de aquí van saír ideas e propostas que temos que conseguir que se convertan en políticas públicas, porque os dereitos das mulleres teñen que estar no centro, ser a prioridade, e as administracións teñen a obriga de comprometerse coas cuestións que formulamos e convertelas en accións con financiación. Son optimista, hai ganas e convicción, imos seguir camiñando sempre cara adiante e avanzando coa bandeira das mulleres, que é a única que pode construír un mundo mellor onde gañamos nós, pero tamén gaña o conxunto da sociedade”.
A presidenta confirmou que o MEI 2022 servirá para crear a Rede Europea de Mulleres das Artes Escénicas que será presentada no marco do encontro das Deputacións, Conseils e Cabidos da FEMP que se celebrará este xoves en Vigo para afondar nas políticas de igualdade que se realizan no Estado. “Estou segura que esta rede violeta será unha ferramenta fundamental, un espazo para premer dende as ideas, dende a reflexión e dende as propostas, esixindo a nosa participación” do mesmo xeito que fixo sempre, dende hai máis de tres séculos de historia, o movemento feminista, creando redes “para demandar que a metade do mundo teña dereito a todo o que lle corresponde”. “Estamos fartas –afirmou- de estar nas esquinas, dos datos, de ser o 20% de todo. Somos a metade e queremos a metade”.
Pola súa banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que “este encontro ten un enorme valor pragmático de contido pero tamén un grande valor simbólico, significa unha forma de contrastar a realidade que queremos conquistar e o pasado xa que esta mesma reunión, feita aquí fai medio século, significaría todo este vestíbulo cheo de homes que estarían no patio de operacións facendo transaccións financeiras. Hoxe damos o reverso á páxina, abrimos un libro novo, e nesta nova forma de facer narrativa o patio ocupádelo as mulleres, mulleres da escena, que queredes trazar a senda da igualdade colectiva nunha dinámica cun guión novo, inédito, que se ten que desenvolver”. O alcalde asegurou que “ídelo a conseguir dende Vigo” aínda que tamén advertiu que “a procura da igualdade ten un adversario, ten xente que dende a sociedade, dende a política, e hoxe mesmo ocupando lugares de goberno, se opón ferozmente. É unha batalla pendente que aínda permanece e temos que continuar, temos que abrir sendeiros, camiños, para transitar na conquista da igualdade”. Ademais amosou o seu compromiso para “levar a cabo as vosas conclusións, tanto dende a alcaldía como dende a presidencia da FEMP, porque sei que de aquí ídenos dicir por onde temos que transitar”.
Finalmente a presidenta de “Clásicas y Modernas”, Fátima Anllo, explicou que a asociación que preside “leva dende 2009 traballando para facer efectiva a igualdade cun programa moi específico en artes escénicas, con actividades, investigacións que nos teñen dado a experiencia e coñecemento para dar un paso adiante, un salto cualitativo, unha nova dimensión, como é o MEI”. “Levamos –engadiu- anos contando, xerando estatísticas e constatando a desigualdade, as barreiras e limitacións e agora o que queremos é ter un efecto transformador a través da dialéctica, seguir investigando e xerar coñecemento sobre as causas que hai detrás das estatísticas e dos número para poñer en marcha políticas públicas efectivas”.
Tras desfrutar dunha performance poética da artista Silvia Penas que encheu o espazo de reivindicación e flores de cores, o público enfocou a súa atención na lección inaugural deste encontro, que baixo o título de “O ouro perténcenos” foi exposta pola directora escénica Marta Pazos. Na súa intervención compartiu experiencias dende o seu activismo artístico e o xeito no que lle inspiraron na súa vida e nas súas obras outras creadoras e xestoras culturais. A lección de Marta Pazos foi un espazo para reflexionar sobre a fortaleza da voz propia, para reescribir o relato e construír unha nova identidade creadora.
As mesas da primeira xornada
Pola tarde tivo lugar a primeira das mesas redondas “Da información á profesionalización. Dificultades de incorporación ao mercado laboral”, moderada pola escritora Inma López Silva. Nela participaron Alicia Blas, Alicia Herrero e Barbara Wilczek-Ekholm quen se centraron nas situacións de discriminación e desigualdade neste ámbito laboral ou a implantación da igualdade de xénero nas escolas de teatro suecas, o que permitiu que hoxe os papeis sexan menos estereotipados e vexamos unha forma diferente de actuar e relacionarnos.
A segunda das mesas versou sobre as “Barreiras no acceso á produción e distribución das artes escénicas realizadas por mulleres” coa moderación de María Pereira. Nela tomaron palabra Claudia Morgana, Pilar López, Sylvie Mongin, Marta Mora e Alba Espinosa facéndose preguntas como se son os arquetipos os únicos responsables de que se ofrezan máis oportunidades de creación aos homes ou a que se debe todo o desprezo de talento e formación das mulleres. Ademais, propuxéronse accións e estratexias para reducir as desigualdades.
A Casa das Artes tamén acolleu a presentación do festival interdisciplinar en favor da igualdade Territorio Violeta a cargo das súas directoras, Rosa Merás e Silvia Pereira, e a xornada pechouse co espectáculo de danza urbana Intempestiva do Grupo Elahood. O MEI 2022 concluirá o mércores con catro mesas redondas -que tocarán temas como a situación das creadoras de artes escénicas en Galicia ou as barreiras no acceso á dirección artística en teatros públicos-, accións escénicas, a presentación do proxecto “Hécuba” de Margarita Borja e un obradoiro titulado “Vencendo obstáculos”, con Maria Aberg. As conclusións do encontro e a presentación da Rede Europea de Mulleres da Escena terán lugar o xoves coincidindo co cumio da FEMP coas deputacións de todo o Estado español para afondar nas boas prácticas en políticas de igualdade, tamén na Casa das Artes de Vigo.