Vigo acollerá o MEI 2022 “o maior acontecemento europeo en materia de igualdade e artes escénicas organizado ata o momento”
O I Encontro Internacional de mulleres da escena en igualade”, organizado por “Clásicas y Modernas” co apoio da Deputación e o concello, concentrará a 30 mulleres de 6 países europeos e será a punta de lanza da Rede Europea de Mulleres da Escena en Igualdade
10/10/2022
A Casa das Artes de Vigo será entre o 25 e 27 de outubro o escenario do “MEI 2022. I Encontro Internacional de mulleres da escena en igualdade. Creando redes por unhas artes escénicas en igualdade”. Será o “acontecemento europeo máis potente en materia de igualdade e artes escénicas nunca organizado ata o momento”, como así o cualificou a presidenta Carmela Silva. O encontro, que organiza “Clásicas y Modernas” co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo, Instituto Nacional de Artes Escénicas e da Música e a Fundación de Artistas Intérpretes e Entidades de Xestión de Dereitos da Propiedade Intelectual, concentrará a máis de 30 mulleres de seis países europeos e servirá tamén para lanzar e constituír a Rede Europea de Mulleres da Escena en Igualdade, “necesaria porque os datos da presenza das mulleres neste ámbito son intolerables”, remarcou Carmela Silva. O Encontro enlazará no seu último día co cumio da FEMP sobre políticas de igualdade que traerá a Vigo a representantes das Deputacións de todo o Estado.
“Precisamos xuntarnos para protestar, reivindicar, organizarnos e tomar decisións para cambiar a situación que viven as mulleres nas artes escénicas xa que, segundo un estudo realizado por “Clásicas y Modernas”, o 22% dos espectáculos son escritos por mulleres, o 25% dirixidos por elas, o 31% das persoas que dirixen e/ou xestionan os recintos de artes escénicas son mulleres, o 28% dos espectáculos son versionados por mulleres, soamente o 9% e o 4% compostos e dirixidos musicalmente por elas”, detallou a presidenta. Por iso “tiña que ser Vigo, esta cidade con longa tradición no ámbito cultural e onde ademais as mulleres sempre xogaron un papel moi importante” quen acollese este encontro de “primeirísimo nivel” que vai concentrar a mulleres referentes de España, Portugal, Suecia, Grecia, Francia e Reino Unido. Participarán, entre outras, tal e como detallou a presidenta, unha exministra grega, escritoras, críticas teatrais, investigadoras, programadoras, tradutoras, profesoras, actrices, xestoras culturais, produtoras, directoras de diferentes ámbitos das artes escénicas, dramaturgas, bailarinas, coreógrafas, creadoras, pedagogas, cineastas, artistas transdisciplinares e poetas que falarán dende a investigación á formación, creación, produción, distribución, programación e exhibición.
“Quedaba unha revolución pendente, a do feminismo e a da igualdade que está a irromper na escena de todos os ámbitos”, reivindicou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao tempo que subliñou a importancia de que “sexa levada para adiante, porque esta é a máis importante revolución de todas”. “Fai 70 anos este espazo –referíase á Casa das Artes da cidade, sede do encontro “MEI 2022”- era o centro de operacións do Banco de España na cidade, estaba cheo de homes”. E é que “durante séculos parecía que había outra ideoloxía dominante, que simbolizaba e acadaba a súa presenza a través da exclusión das mulleres, un fenómeno terrible”. Por iso, dixo, é tan necesaria esta “gran acción do mundo da cultura na que se darán cita mulleres da escena, coñecidas, admiradas, grandes transmisoras, para discutir sobre a desigualdade”.
Mariana Carballal, coordinadora en Galicia de “Clásicas y Modernas” que organiza o encontro, subliñou que é “unha honra e orgullo xuntar en Vigo durante tres días a mulleres de excelencia, de moitísimo prestixio a nivel europeo das que temos que aproveitar toda a súa sabedoría e talento para seguir analizando as barreiras de acceso aos ámbitos das artes escénicas relacionados co poder, a organización e a programación, que ao final é onde se demostran as diferenzas para a sociedade”. Carballal reivindicou que se “a sociedade recibe unha porcentaxe maior do universo masculino está a ter deficiencias en canto ao coñecemento das historias das mulleres, que somos o 50% ou máis da poboación mundial”.
O programa
“Neste evento –asegurou Mariana Carballal- botamos a casa pola fiestra”. Daranse cita as mulleres máis relevantes de Europa en canto ás artes escénicas para analizar as barreiras “que impiden que cheguemos cando as nosas aulas están cheas de mulleres na súa grande maioría”. En total haberá seis mesas redondas, dous obradoiros, dúas presentacións de producións nacionais e internacionais, dúas accións escénicas, un espectáculo de danza urbana, outro de acrobacias aéreas e conferencias que abren espazos para debates a carón dos diversos procesos escénicos.
A xornada comezará o martes 25 de outubro ás 8.30 h. co espectáculo de acrobacias aéreo “Duelirium” na fachada da Casa das Artes. Ás 11.00 horas terá lugar a inauguración e a continuación (12.30 h) a lección inaugural a cargo de Marta Pazos, unha das creadoras máis efervescentes da vangarda escénica española. Xa pola tarde (16.00 h), terá lugar a mesa redonda “Da formación á profesionalización. Dificultades de incorporación ao mercado laboral” moderada por Inma López Silva, escritora e crítica teatral, na que van participar Alicia Blas, codirectora das xornadas de teatro e feminismos da Real Escola Superior de Arte Dramático; Bárbara Wilczek-Ekholm, participante do programa “Staging Gender” na Academia de Arte Dramático de Malmö (Suecia); e Lydia Koniordou, actriz e ex ministra de Cultura e Deportes en Grecia. Tamén pola tarde (16.00) pero na sede da Deputación en Vigo terá lugar o obradoiro de “Estratexias de accións positivas na xestión das artes escénicas en España” de Fátima Anllo, pioneira da xestión cultural en España.
A partir das 18.00 e novamente na Casa das Artes arrancará a mesa redonda “Barreiras no acceso á produción e distribución das artes escénicas realizadas por mulleres” moderada por María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Santiago, e na que van participar Pilar López, vicepresidenta da Asociación Europea de Artes Escénicas “Small Size”; Claudia Morgana, xerenta da Federación Estatal de Asociacións de Compañías e Empresas de Danza; e Sylvie Mongin, directora de escena e da compañía “Les Trois-Huit” de Lyon (Francia). A continuación a posta en común e presentación online de “Territorio violeta”, por Rosa Merás”, e ás 20.00 terá lugar o espectáculo de danza urbana “Intempestiva” a cargo do Grupo Elahood, premio da crítica do Certame Coreográfico de Madrid (2021) e premio ao mellor espectáculo da Plataforma de Diálogos Contemporáneos do Festival DZM (Cáceres).
O mércores 26 de outubro a xornada comezará ás 9.30 horas na Casa das Artes coa mesa redonda “A situación das creadoras das artes escénicas en Galicia”, moderada por Marta Pérez, directora de Inversa Teatro, e na que participan Ana Abad, subdirectora da Revista Galega de Teatro; Irene Moreira, directora de Teatro Comunitario; Anxeles Cuña, directora de Sarabela Teatro e Begoña Cuquejo, xestora cultural, bailarina e directora. Trala mesa redonda terá lugar a acción escénica de música clásica de Esperanza Mara e media hora despois, ás 11.30 h, a presentación de “Hécuba” de Margarita Borja, unha coprodución internacional cun equipo mixto (español e grego) seguida dunha sesión de debate online con Margarita Borja, Konstadina Aggeletou e Zoe Chatziantoniou. A continuación Natalia Balseiro, exdirectora artística do I Centro Coreográfico Galego, modera a mesa redonda “Acceso ás redes, circuítos e programación nas artes escénicas de espectáculos realizados por mulleres” na que participan Isabel Pérez, da Axencia Andaluza de Institucións Culturais; Katerina Evangelatos, directora de escena do Festival de Atenas e Eupidauro (Grecia); Marieta Sánchez, directora do Teatro do Bosque de Móstoles; e María Armesto, directora da Mostra Internacional Teatro Cómico-Festivo de Cangas.
Xa pola tarde, a partir das 16.15 h terá lugar a acción escénica a cargo de Silvia Penas e a partir das 16.30 a mesa redonda centrada nas “Barreiras no acceso á dirección escénica e a dirección artística en teatros públicos”, moderada por Fefa Noia (directora adxunta do Centro Dramático Nacional) e na que participarán Carme Portacelli, directora do Teatro Nacional de Cataluña; Cristina Yáñez, directora do Teatro da Estación e da compañía Tranvía Teatro de Zaragoza; e Cristina Silveira, directora de Karlik Danza Teatro de Cáceres. Ás 17.00 h pero na sede da Deputación en Vigo terá lugar o obradoiro de María Aberg, directora artística da compañía internacional de teatro Projekt Europa e artista asociada da Royal Shakespeare Company do Reino Unido.
A axenda na Casa das Artes retómase ás 18.00 h coa mesa redonda “Experiencias previas, camiños abertos na escena europea” moderada por Nieves Mateo, vicepresidenta de “Clásicas y Modernas” e na que participarán Jill Greenhalgh, directora artística e creadora de “The Magdalena Projet”; Mariana Araoz, directora do proxecto internacional Trans Mission Research TMR (Suecia, Francia, España, Arxentina e EUA); Patricia Portela, exdirectora do Centro de Artes do Espectáculo de Viseu (Portugal); María Aberg. Ás 19.30 h terá lugar a clausura e a continuación a presentación de “As Fillas Bravas” da compañía Chévere.
Cumio da FEMP sobre políticas de igualdade
O xoves, 27 de outubro, a partir das 10 da mañá a Casa das Artes acollerá o cumio da FEMP coas deputacións de todo o Estado español para afondar nas boas prácticas en políticas de igualdade. Durante o cumio aproveitarase para dar a coñecer as conclusión do “MEI 2022” e tamén para presentar a Rede Europea de Mulleres da Escena. “As mulleres da escena terán a oportunidade de presentar as súas reclamacións ás dirixentes provinciais e instará á Comisión de Deputacións da FEMP a tomar a decisión de organizar, cada ano, o “Encontro Internacional de mulleres da escena en igualdade” que acolle este ano Vigo noutras provincias do Estado”.