A segunda xornada do “MEI 2022” volve poñer o foco no decisivo papel que xogan as mulleres nas artes escénicas

Máis dunha vintena de mulleres debateron sobre a situación das creadoras das artes escénicas, a programación de espectáculos realizados por mulleres ou as barreiras no acceso á dirección artística en teatros públicos

26/10/2022

MEI 2022

Trala primeira xornada do I Encontro Internacional de Mulleres da Escena en Igualdade (MEI 2022) a Casa das Artes de Vigo volveu albergar catro debates sobre o papel que desenvolven as mulleres na disciplina. Participou un nutrido grupo de máis de 20 referentes e expertas nesta disciplina, que estiveron arroupadas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen quixo desfrutar do arranque do encontro organizado “Clásicas y Modernas” co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo, Instituto Nacional de Artes Escénicas e da Música e a Fundación de Artistas Intérpretes e Entidades de Xestión de Dereitos da Propiedade Intelectual. MEI 2022 artellouse en dúas xornadas cargadas de reivindicación a prol da igualdade das mulleres nas artes escénicas cuxas conclusións serán presentadas mañá, xoves, día 27 no cumio da FEMP coas deputacións de todo o Estado para afondar nas boas prácticas en políticas de igualdade. Neste cumio, que tamén terá lugar na Casa das Artes, presentarase ademais a Rede Europea de Mulleres da Escena.

A xornada comezou cunha mesa redonda sobre “A situación das creadoras das artes escénicas en Galicia” moderada por Marta Pérez e na que se reflexionou sobre o aspecto máis íntimo da precariedade e a “autoexploración” á que as mulleres da escena están sometidas. Nela interviñeron Ana Abad, quen se centrou en cuestións como a multitarefa,   e os roles que afectan ás creadoras escénicas dende unha perspectiva de xénero; Ánxeles Cuña, quen se referiu a todas as mulleres que formaron “parte dos universos e proxectos construídos en común, con paixón e esmero” da compañía que dirixe; Begoña Cuquejo, quen fixo un breve percorrido sobre “as vidas que non son dignas de legalidade no espazo social como -matizou- as das mulleres que practican disciplinas artísticas que non existen”; e Irene Moreira, para quen o teatro comunitario que “ten unha serie de características que distan pouco ou nada cos fundamentos do feminismo como o son -destacou- que rompe as xerarquías, traballa en rede e é igualitario e non discriminatorio”.

A segunda das mesas titulouse “Acceso ás redes, circuítos e programación nas artes escénicas de espectáculos realizados por mulleres” e estivo moderada por Natalia Balseiro, que animou ás participantes a falar sobre as aportacións que se producen e espallan cando as mulleres ocupan estes espazos con liderados máis horizontais, procesos máis resilientes e perspectivas ecofeministas. Participaron nela Isabel Pérez, quen destacou esixiu “máis cartos para as artes escénicas neste país” á vez que puxo o foco en obxectivos como “usar as artes escénicas como instrumento de cohesión social que favoreza a inclusión das mulleres vítimas de violencia de xénero”; María Armesto, que resaltou que “urxe un pacto social pola igualdade para traballar en políticas específicas que poñan fin á empobrecida e desequilibrada vida laboral das mulleres nas artes escénicas”; e María Sánchez, que subliñou a necesidade de “xerar modelos que constrúan un imaxinario que normalice a participación e cohabitación sen miradas discriminatorias e non estereotipadas por xéneros”.

Pola tarde tivo lugar unha mesa redonda na que se falou das “Barreiras no acceso á dirección artística en teatros públicos” moderada por Fefa Noia, quen conduciu o debate partindo de que “negar a desigualdade de xénero, a desvantaxe de partida de calquera muller en calquera ámbito, paréceme negar unha evidencia”. Tomaron a palabra Carme Portacelli, Cristina Yáñez, Jana Pacheco; e Lydia Koniordou. O derradeiros destes debates titulouse “Experiencias previas, camiños abertos na escena europea” e levouse a cabo baixo a moderación de Nieves Mateo. Nel intercambiaron puntos de vista Jill Greenhalgh, María Aberg, Mariana Araoz e Patricia Portela.

A programación completouse coa presentación do proxecto “Hécuba”, de Margarita Borja, e cun obradoiro de Maria Berg titulado “Vencendo os obstáculos”. O taller tivo lugar na sede que a Deputación ten en Vigo e estivo enfocado a desenvolver medios inspiradores e prácticos para que as mulleres no teatro ocupen o centro do escenario, nel participou alumnado da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD). O público asistente ao “MEI 2022” puido desfrutar ademais de distintas accións escénicas levadas a cabo durante toda a xornada na Casa das Artes por artistas de recoñecido prestixio como Esperanza Mara, Silvia Penas ou a compañía Chévere que puxo o broche de ouro ao MEI 2022 coa representación de “As fillas Bravas de Momán”.

Galerias de imaxes

videos