As contadoras Vero Rilo e Carmen Conde únense este xoves 2 de novembro na nova acción de “Violencia Zero” en Ribadumia

Protagonizarán a peza O verbo dos posibles, dirixida ao alumnado de ESO do CPI Julia Becerra Malvar, na que exploran os camiños da narración oral desde unha perspectiva feminista

01/11/2023

As contadoras Vero Rilo e Carmen Conde protagonizarán a nova acción do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia Zero”, que se desenvolverá este xoves 2 de novembro en Ribadumia. Trátase dunha peza na que, baixo o título O verbo dos posibles, ambas as artistas explorarán os camiños da narración oral desde unha perspectiva feminista. A actuación, á que asistirá a deputada provincial Isabel Couselo, terá lugar ás 14:00 horas no CPI Julia Becerra Malvar e estará precedida dun obradoiro con 22 alumnas e  alumnos de 4.º da ESO.

O verbo dos posibles é, segundo as artistas, unha homenaxe aos contos e ao termo computus (do latín compŭtus, ‘conta’, que alude a unha narración breve). Esta palabra antiga refírese aos contos, ás contas e tamén ao cálculo dos ciclos no calendario. Deste xeito, nesta sesión as historias estarán vencelladas á  multiplicación de bocas femininas que transmitiron unha narración ata convertela en tradición, así como tamén ao paso do tempo, “no que grazas ás recollidas e conservación de historias especialmente feitas por mulleres, grazas á autoría e ao maxín, se perpetuaron a través das xeracións todos os cómputos”.

Carmen Conde é filóloga, dramaturga, guionista e contadora. Autora de relatos breves infantís e adultos e humorista, fundou Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, desde onde crean formatos escénicos e audiovisuais coma a miniserie web Premios Darwin e a serie dixital Quéreme soar! Desde 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, micorrelato e narración oral. Pola súa banda, Vero Rilo é narradora oral e educadora. Titulada como técnica superior en Integración Social e tamén en Educación Infantil, leva desde 2013 contando contos e historias para todos os públicos tras formarse con referentes da narración oral galega e internacional coma Charo Pita, Tim Bowly, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Rodorín, Pablo Albo ou Soledad Felloza.

O programa provincial “Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas aliadas. Mulleres aliadas”. Programáronse 25 novas accións con 35 artistas que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar a sociedade sobre as violencias machistas. Xa tiveron lugar en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Mos, Gondomar, Oia, Baiona, Cambados, Marín, Poio, Vilagarcía de Arousa, Caldas e A Lama e, tras Ribadumia, o programa chegará a Tui e Forcarei.