O programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero” chega a Caldas de Reis para poñer o foco na relación entre mulleres e coidados

Máis de 100 alumnas e alumnos de centros educativos do concello gozaron da videoinstalación “Nosa señora dos coidados”, de Montse Piñeiro e Cristina Bolívar

10/10/2023

Luis López

O auditorio municipal de Caldas de Reis acolleu este martes a videoinstalación Nosa señora dos coidados, das artistas Montse Piñeiro e Cristina Bolívar, da que puideron gozar un grupo de 113 alumnas e alumnos do IES Aqua Celenis, do CPI Alfonso VII e do CPR San Fermín. Trátase dunha acción enmarcada no programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero”, que pon o foco sobre a relación entre mulleres e coidados, e reflexiona sobre como na sociedade actual aínda segue a ser un rol asignado ás mulleres.

A deputada provincial Isabel Couselo foi a encargada de recibir as rapazas e rapaces co desexo de que esta peza lles faga “reflexionar, mobilizarvos e concienciarvos sobre o rol que tivemos, e aínda temos, historicamente as mulleres na economía dos coidados”. “Estou segura que, para moitas e moitos de vós, situacións coma as que mostrarán as dúas artistas hoxe aquí non vos son alleas. É certo que esta visión está a cambiar pouco a pouco, pero a igualdade segue a ser un dos grandes retos da nosa sociedade actual. Por iso desde a Deputación de Pontevedra imos traballar arreo para conseguilo e pedímosvos que vos sumedes a este obxectivo, que ten que ser compartido”.

Cun percorrido semellante a unha liturxia, a peza mestura videocreación en directo, instalación artística interactiva e espectáculo, e, para realizala, as artistas empregaron imaxes cedidas pola Filmoteca de Galicia, e mais do seu arquivo familiar. Ademais, Nosa señora dos coidados inclúe varios cortes de son do documental Señora de, de Patricia Ferreira, que recolle testemuños de varias xeracións de mulleres que tiveron que renunciar aos seus soños.

Cristina Bolívar (Granada, 1984) é iluminadora e creadora escénica. Desenvolve o seu traballo principalmente no eido do espectáculo e da danza contemporánea. Desde 2012 traballa entre Madrid, Granada e Vigo. Creou deseños de iluminación ou visuais para Sara Molina, Hurycan, Camille Hanson, Teatro de Açúcar, El Bailadero de Mónica Valenciano ou Janet Novás, entre outras compañías.

A pontevedresa Montse Piñeiro, que se formou como escenógrafa e iluminadora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, experimenta coa luz, co volume e coa imaxe en movemento. Traballou para producións de compañías e institucións coma o Centro Dramático Galego ou o Teatro Nacional de Cataluña. De xeito paralelo, formouse tamén nos ámbitos da ilustración, do deseño gráfico e da cerámica, e traballa desde 2014 como ilustradora profesional.

O programa provincial “Mulleres en acción. Violencia zero” celebra este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas aliadas. Mulleres aliadas”. Programáronse 25 novas accións con 35 artistas que realizan espectáculo, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar a sociedade sobre as violencias machistas. Xa tiveron lugar en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Mos, Gondomar, Oia, Baiona, Cambados, Marín, Poio, A Lama, Tui e Caldas de Reis e o programa chegará, no que queda de ano, a Forcarei e Ribadumia.