Forcarei acolle este luns a acción do programa provincial “Violencia zero”, protagonizada por Carmen Conde e Vero Rilo

As contadoras protagonizarán a peza de narración oral O verbo dos posibles, ás 12:00 horas, na biblioteca de Soutelo de Montes, onde previamente realizarán un obradoiro cun grupo de mulleres do concello

12/11/2023

As contadoras Vero Rilo e Carmen Conde protagonizarán a nova acción do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero”, que se desenvolverá este luns 13 de novembro en Forcarei. Trátase dunha peza na que, baixo o título O verbo dos posibles, ambas as artistas explorarán os camiños da narración oral desde unha perspectiva feminista. A actuación comezará ás 12:00 horas na biblioteca de Soutelo de Montes e irá precedida dun obradoiro que as artistas desenvolverán cun grupo de mulleres do concello.

O verbo dos posibles é, segundo as artistas, unha homenaxe aos contos e ao termo “computus” (do latín compŭtus, ‘conta’, que alude a unha narración breve). Esta palabra antiga refírese aos contos, ás contas e tamén ao cálculo dos ciclos no calendario. Deste xeito, nesta sesión as historias están vencelladas á  multiplicación de bocas femininas que transmitiron unha narración ata convertela en tradición, así como tamén ao paso do tempo, “no que grazas ás recollidas e á conservación de historias especialmente feitas por mulleres, perpetuou a través das xeracións todos os cómputos”.

No obradoiro que realizarán previamente cun grupo de mulleres do concello, Carmen Conde e Vero Rilo conducirán unha “recollida compartida” das experiencias das asistentes con dous temas centrais: os coñecementos das mulleres dos remedios naturais e a súa aplicación, transmitidos oralmente e de xeración en xeración, así como a emigración. E a narración final das contadoras incluirá os temas tratados “como un xeito de devolución con historias ás historias recibidas”.

Carmen Conde é filóloga, dramaturga, guionista e contadora. Autora de relatos breves infantís e de adultos e humorista, fundou Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, desde onde crean formatos escénicos e audiovisuais, coma a miniserie web Premios Darwin e a serie dixital Quéreme soar!. Desde 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, microrrelato e narración oral. Pola súa banda, Vero Rilo é narradora oral e educadora. Titulada como técnica superior en Integración Social e tamén en Educación Infantil, leva desde 2013 contando contos e historias para todos os públicos tras formarse con referentes da narración oral galega e internacional coma Charo Pita, Tim Bowly, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Rodorín, Pablo Albo ou Soledad Felloza.

O programa provincial “Mulleres en acción. Violencia zero” está a celebrar este ano a súa oitava edición baixo o lema “Artistas aliadas. Mulleres aliadas”. Programáronse 25 novas accións con 35 artistas que realizan performance, danza, música, teatro, murais, poesía e audiovisuais para concienciar a sociedade sobre as violencias machistas. Xa se celebraron en Pontevedra, Vigo, Barro, Arbo, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Mos, Gondomar, Oia, Baiona, Cambados, Marín, Poio, Vilagarcía de Arousa, Caldas, A Lama e Ribadumia e, tras Forcarei, a actual edición do programa finalizará en Tui.