Luis López anuncia que a Deputación destinará 900.000 € para que clubs deportivos da provincia participen en competicións oficiais de ámbito estatal

As axudas outorgaranse por concorrencia competitiva e permitirán subvencionar gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou sanitarios

04/04/2025

Xunta de Goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación dunha liña de axudas dotada con 900.000 euros coa que busca apoiar aos clubs deportivos da provincia que participen nesta temporada con algún equipo ou deportista en competicións oficiais de ámbito estatal. “Seguimos demostrando que este é o goberno do deporte, e non podemos esquecer que os nosos deportistas e clubs nos referencian no mundo e levan o nome de Pontevedra alí onde van”, asegurou López, que fixo fincapé ademais na importancia de “apoialos como merecen, independentemente de cal sexa a súa disciplina ou modalidade deportiva”.

Esta liña de axudas, que o pasado ano apoiou a un total de 80 clubs deportivos de 25 concellos diferentes,  repartirá entre 10.000 e 35.000 euros, dependendo da modalidade deportiva e a competición oficial, e, en todo caso, non poderá superar o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos subvencionables atópanse os federativos, de competición e adestramento, os de persoal, os de material deportivo e os sanitarios. E os recursos distribuiranse en función de tres niveis de competicións e categorías.

Deste xeito, en canto á clasificación das competicións (que deben estar incluídas nos calendarios oficiais aprobados polas diferentes federacións para a tempada 2024/2025 ou para o 2025), están as de nivel 1, nas que se engloban modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en forma de ligas por equipos (con 5 o máis deportistas na competición), con xornadas de ida e volta e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Dentro deste nivel sitúanse a LEB Oro e Liga Feminina Challenge (baloncesto), a 2ª RFEF Feminina (fútbol), a 2ª división nacional masculina (fútbol sala), a OK Liga feminina e masculina (hóckey sobre patines) e a Superliga feminina e masculina (voleibol), que recibirán un máximo de 35.000 €.

Por outra parte, recibirán 25.000 euros a LEB Prata e Liga Feminina 2 (baloncesto), a División de prata masculina e División de honra oro feminino (balonmán), a 3ª RFEF masculina e feminina (fútbol); a 2ª división nacional B masculina e 2ª división nacional feminina (fútbol sala), a OK Liga prata feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Spanish Baseball League (béisbol), a Spanish Softball League (sóftbol), a División de honra feminina e masculina (rugby), a Superliga 2 feminina e masculina (voleibol) e a división de honra feminina e masculina (wáter-polo). Todas elas tamén de nivel 1.

E por último, tamén no nivel 1, terán unha subvención máxima de 15.000 € os clubs cun equipo na terceira FEB e 1ª nacional feminina (baloncesto), a 1ª división masculina e División de honra prata feminina (balonmán), a Liga nacional de béisbol 1ª división (béisbol), a División de honra xuvenil (fútbol) a 3ª división nacional masculina/División de honra xuvenil (fútbol sala), a OK Liga bronce feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Liga nacional de sóftbol masculino 1ª división (sóftbol), a División de honra B feminina e masculina (rugby), a 1ª división feminina e masculina (voleibol) e a 1ª división nacional masculina e feminina (wáter-polo. Neste nivel 1 de competicións, para os clubs que conten cun segundo equipo de categoría estatal incrementarase o límite establecido en 5.000 €.

No que respecta ao segundo nivel de competicións inclúense aquelas modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato liga por equipos, pero con 4 deportistas ou menos no espazo de competición, e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Neste caso, hai competicións que reciben un máximo de 15.000 euros, que son a liga de clubs de primeira división feminina e masculina (atletismo), a primeira ouro/Primeira prata (bádminton), a División de honra (billar), División de honra feminina e masculina (bowling), División de ouro -espada, sable ou florete- (esgrima), o Campionato de España de tenis absoluto por equipos 1ª categoría (tenis), a División de honra feminina e masculina (tenis de mesa) e 1ª división da Liga Iberdrola GR e 2ª división da Liga Iberdrola GR (ximnasia). Ademais, poderán conseguir unha achega máxima de 10.000 euros os clubs que participen na Primeira bronce (bádminton), 1ª división (billar), 1ª división masculina (bowling), División de prata –espada, sable ou florete- (esgrima), 1ª división de orientación a pé (orientación), Campionato de España de tenis absoluto por equipos 2ª/3ª categoría (tenis); a 1ª división feminina e masculina (tenis de mesa), Liga nacional de voleibol praia (voleibol praia) e 3ª división da Liga Iberdrola GR (ximnasia).

Por último, hai un terceiro nivel no que se engloban as modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato de ranking ou clasificación individual ou por equipos e que estean incluídas nun calendario oficial da tempada da que resulte a clasificación final. Neste caso, os clubs de ciclismo que participen na Copa de España en ruta elite/sub-23 recibirán unha achega máxima de 15.000 euros, e os que o fagan en elite/sub-23 na modalidade de estrada, BTT, XCO ou XCM ou ciclocrós, 10.000 €. Nesta última modalidade englóbanse tamén o resto de clubs que acrediten a súa participación con 3 deportistas en categoría absoluta nun mínimo de 5 competicións de ámbito estatal ou internacional fóra da comunidade autónoma galega incluídas no calendario oficial da súa federación.

videos

audios