As subvencións Ágora 2022 permitirán gañar preto de 105.000 metros cadrados de espazo público e construír 13,5 km de sendas peonís en 28 concellos da provincia

A Xunta de Goberno deste venres aprobará a concesión da segunda quenda de axudas deste ano por valor de máis de 750.000 euros

01/12/2022

Uxío Benítez

As subvencións outorgadas pola Rede Ágora da Deputación deste ano 2022 permitirán gañar preto de 105.000 metros cadrados de espazo público e construír máis de 13,5 quilómetros de sendas peonís e ciclistas en 28 concellos da provincia grazas á redacción de 76 proxectos de mellora de espazos urbanos de estancia, peonalizacións, sendas peonís e ciclistas e outro tipo de actuación que mellorarán a calidade urbana de vilas e núcleos favorecendo a mobilidade a pé e en bicicleta.

Estes datos foron facilitados hoxe polo deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen explicou que na Xunta de Goberno de mañá venres se aprobará a segunda quenda de axudas Ágora deste ano -que superan os 750.000 euros e que se suman aos  305.000 euros outorgados o pasado mes de outubro-. A maiores aprobarase unha nova convocatoria de subvencións na que se repartirán outros 900.000 euros de fondos provinciais.

O deputado destacou a súa satisfacción pola resposta dos concellos ante as convocatorias provinciais. Destacou que hai unha ‘onda imparable’ de gobernos locais que apostan polo modelo de mobilidade que defende a Deputación, o ‘modelo Ágora’, baixo as premisas de que o espazo público é un dereito das persoas, que deben ser o eixo de todas as políticas de mobilidade e planificación urbana fronte aos vehículos a motor.

Segundo debullou o nacionalista, os proxectos que recibiron subvención Ágora neste 2022 permitirán que espazos que actualmente non priorizan os desprazamentos naturais aumenten a súa superficie peonil e melloren o tránsito para as persoas en condicións de seguranza. Neste sentido, deu datos concretos: os 31.101 metros cadrados peonís previos nas zonas de actuación dos proxectos pasarán a ser 135.853 metros cadrados, é dicir, a previsión de incremento de espazos para as persoas grazas aos novos proxectos de recuperación urbana é de 105.000 metros cadrados, o equivalente aproximado a 20 campos de fútbol.

A maiores, construiranse sendas peonís cunha lonxitude total de 13.599 metros lonxitudinais en nove dos 28 concellos da provincia subvencionados, ben itinerarios continuos de nova creación ou espazos para conectar outros previamente existentes.

Na segunda quenda de axudas que se aproba mañá en Xunta de Goberno darase o visto bo aos proxectos de Cerdedo-Cotobade (3) e Ponte Caldelas (1) na comarca de Pontevedra; aos de Meis (3), Sanxenxo (1), Meaño (1), e Vilagarcía (3), que se unen aos aprobados para O Grove (2) en outubro no Salnés; ao de  Gondomar en Val Miñor; aos de Pazos (5) e Redondela (3) e O Porriño (5) na área de Vigo; Salceda (3), A Guarda (2), que se suman aos de Tomiño, Tui e O Rosal (5 cada un) no Baixo Miño; Marín (2), Moaña (1), Bueu (1), Vilaboa (1), e Cangas (1) no Morrazo; Mondariz (4), Salvaterra (3) que se unen aos aprobados da primeira quenda para Covelo (4), As Neves (2) e Ponteareas (1) no Condado-Paradanta; Valga (1) e Pontecesures (2) na comarca de Caldas.

Nova convocatoria con máis de 900.000 euros

Dado o interese amosado, o deputado subliñou a decisión de volver abrir un novo prazo de presentación de solicitudes de subvencións, que nesta ocasión ascenderá a máis de 900.000 euros. O prazo de presentación será de 30 días hábiles dende o seguinte á publicación do anuncio no BOPPO.

As subvencións Ágora están destinadas aos concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que poden recibir o 90% do custe de redacción dos proxectos presentados, ata un máximo de 50.000 € por concello. Contemplan dúas casuísticas, sempre subvencionando a elaboración de proxectos e non de obras. A primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda supón unha novidade: proxectos para a creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.

No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un largo mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 25 resultados.