O programa SmartPeme da Deputación oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas

Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, céntranse en ciberseguridade, a emisión de eventos en liña, a automatización da atención ao cliente, os plans de investimentos no establecemento comercial ou a ferramenta Woocommerce

22/04/2023

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta próxima semana do 24 ao 27 de abril cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático. Centraranse en ciberseguridade, así como nos procesos de automatización da atención ao cliente, a ferramenta Woocommerce ou a emisión de eventos en liña de xeito profesional.

O luns 24 ás 10 horas terá lugar o obradoiro “Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na Internet”, no que se dará a coñecer ás persoas participantes os riscos aos que estamos expostos ao navegar por Internet. Os contidos abordarán que se entende por ciberataque, o mapa mundial destes ataques en tempo real e os obxectivos que buscan os e as ciberdelincuentes. Impartirao Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

O martes 25 ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “Chatbot. A automatización da atención ao cliente”. Dirixido a pemes, persoas autónomas e emprendedoras, o curso tratará de contextualizar e amosar que é un bot, as súas tipoloxías e como se poden utilizar na atención ás persoas. Será impartido por José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia e especializado en sistemas informáticos.

O mércores 26, SmartPeme organiza dúas actividades. A primeira delas será ás 12:00 horas, “Plan de investimentos no establecemento comercial”,  e nela as persoas participantes coñecerán o que custa poñer en marcha un negocio e poderán diferenciar os servizos bancarios e as formas de financiamento. Paz Ares, licenciada en Económicas e Empresariais con experiencia profesional no sector financeiro e educativo, será a encargada de ofrecer esta actividade.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda do obradoiro “Woocommerce: a solución que buscabas para vender por Internet II”, que introducirá ás e aos asistentes nesta ferramenta que permite montar unha tenda en liña cun catálogo non moi amplo. No obradoiro ensinarase como instalala, as súas características, pasarelas e formas de pago e as persoas participantes tamén poderán coñecer como incluír produtos e xestionar pedidos. Ofrecerao María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e máster en Márketing Dixital, con máis de 3 anos de experiencia en marketing dixital e ecommerce.

Por último o xoves 27 ás 11 horas celebrarase o taller “Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional”, dirixido a axudar as persoas participantes a mellorar a emisión dos seus eventos en liña cos e coas clientes, así como a difusión do contido e calquera comunicación empresarial por esta vía. O obradoiro centrarase na conexión da cámara web e da cámara móbil e na elección de micrófono e será impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.