Luis López anuncia un investimento de 240.000 euros da Deputación para a rehabilitación integral e conversión da Casa de Combarro nun centro de información turística
O presidente provincial, acompañado polo alcalde Ángel Moldes, confirma que as obras valoradas en 140.000 € comezarán despois da Semana Santa nunha visita ao inmoble que consolida ás Rías Baixas como destino turístico ligado ao territorio e á cultura
07/04/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de anunciar o inminente inicio das obras de reforma da Casa de Combarro, un proxecto no que o organismo provincial inviste máis de 240.000 euros para a rehabilitación integral do inmoble e a súa conversión nun centro de promoción, información e difusión desta vila. Acompañado polo alcalde Ángel Moldes, o mandatario provincial visitou este luns o conxunto histórico de Combarro para presentar esta nova mostra de colaboración cos concellos para mellorar as infraestruturas da provincia que contribúe a consolidar ás Rías Baixas como un destino turístico sustentable, ligado á cultura e ao territorio. "Falamos dun proxecto estratéxico para para Poio, un centro de referencia que pon en valor a riqueza cultural, patrimonial e natural de Combarro", afirmou o presidente.
Un anuncio que se centra en dúas actuacións. Por un lado, os traballos de rehabilitación integral valorados en 140.000 euros que servirán para a demolición da cuberta actual, execución dunha nova cuberta illada correctamente e acorde á contorna, limpeza da fachada de pedra, substitución das carpinterías exteriores de madeira, renovación da instalación eléctrica e iluminación con tecnoloxía LED, a reforma do aseo do baixo e unha nova instalación de fontanería e saneamento. Por outro lado, a través do Servizo de Turismo, a Deputación mobiliza outros 100.000 euros para a musealización deste emblemático inmoble, que pasará a ser un centro de referencia para a promoción, información e difusión de Combarro como destino turístico ligado á cultura.
Neste sentido, o mandatario provincial recoñeceu a transcendental colaboración co Concello de Poio para poñer en marcha un proxecto tan complexo coma este. "Chegamos a este punto grazas ao traballo serio e rigoroso do Concello e da Deputación. Era un proxecto que viña sufrindo moitas transformacións e moitos anuncios sen chegar a poñerse en marcha. Cando hai que tratar proxectos complexos ter ao outro lado da mesa unha persoa como o alcalde fai que todo sexa máis doado", valorou o presidente Luis López, que amosou a súa gratitude tamén cos integrantes do Ateneo Corredoira, que tiña a súa sede neste edificio e tamén deu todas as facilidades para que a reforma sexa unha realidade.
As obras comezarán despois da Semana Santa e terán un prazo de seis meses. Ao remate, a Deputación, que ten cedida a titularidade desta Casa de Combarro ao Concello, habilitará unha oficina de turismo neste centro. O seu uso estará centrado na oferta de información ao visitante sobre a riqueza patrimonial, histórica, cultural e paisaxística de Combarro e das Rías Baixas, un proxecto que encaixa coa estratexia da Deputación de facer das Rías Baixas un destino turístico descentralizado, desestacionalizado, ligado ao territorio e á cultura.
A colaboración entre a Deputación e o Concello de Poio non se limita so á reforma da Casa de Combarro. A través dos plans de Cooperación —Plan +Provincia, Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e Plan Extra— o organismo provincial mobiliza arredor de 1,9 millóns de euros este ano en Poio.