A Deputación avanza que investirá 225.450 euros para financiar integramente a reforma da rúa Raimundo García Domínguez “Borobó”, en Pontecesures
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe esta estrada do casco urbano da vila, onde se realizará esta actuación cos recursos da liña 1 do Plan +Provincia
09/04/2025
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe Pontecesures, onde anunciou que este venres a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará un investimento de 225.450 euros da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia para financiar integramente as obras de reforma da rúa Raimundo García Domínguez "Borobó". En total, a Pontecesures correspóndenlle 422.734 euros do +Provincia 2025, o plan de obras e servizos máis transformador da institución provincial.
Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos e que permitirán reurbanizar esta vía do núcleo urbano. En concreto, o obxectivo é mellorar as deficiencias que presenta na actualidade con respecto á seguridade viaria, fundamentalmente en relación á accesibilidade peonil, así como fallos e danos estruturais na rede de saneamento. Desta maneira, procederase ao reasfaltado das zonas de tráfico rodado, á instalación de nova pavimentación nas zonas peonís, bordes nas beirarrúas e de novos bolardos e botóns podotáctiles; á posta en marcha dunha nova rede de drenaxe; á dotación de nova sinalización horizontal e vertical e á execución dunha senda para mellorar a accesibilidade peonil desde a pasarela existente sobre a N-550 ata esta rúa.
"Somos un goberno municipalista" recordou o deputado provincial Ricardo Martínez, "que escoitamos as demandas dos gobernos locais e atendemos as necesidades dos concellos". Neste eido, puxo en valor plans como o +Provincia, "o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, dotado este ano con 48,2 millóns de euros e que xa leva distribuídos nestes primeiros meses do ano 19,4 entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia". E recordou que "o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra vaia a máis e avance como nunca antes fixera e a través dos plans provinciais estamos a conseguir que os concellos poidan afrontan investimentos e actuacións que doutro xeito serían imposibles de realizar e, así, contribuír á modernización do conxunto do noso territorio e á mellora da calidade de vida da nosa veciñanza".