A Deputación avanza que financiará integramente a mellora dos accesos ao Parque da Natureza do Río Barosa en Barro ao achegar axudas por valor de máis de 430.000€

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe xunto co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, este espazo no que o organismo investirá 367.000 € do Plan Extra e outros 65.000 euros do +Provincia que se aprobarán este venres

03/04/2025

O deputado  Ricardo  Martínez visitou xunto co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, o Parque da  Natureza do Río Barosa
O deputado  Ricardo  Martínez visitou xunto co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, o Parque da  Natureza do Río Barosa

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou xunto co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, o Parque da Natureza do Río Barosa onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente a actuación de mellora dos accesos a este espazo público, cun orzamento de máis de 430.000 euros. Martínez lembrou que para esta actuación a Deputación de Pontevedra xa comprometera 367.000 do Plan Extra Provincia Extraordinaria e anunciou que este venres, en Xunta de Goberno, se aprobarán outros 65.000 euros do Plan +Provincia para completar o orzamento e financiar o 100% da mellora dos accesos.

Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán a Barro crear espazos públicos máis seguros, amables e de calidade e avanzar no fomento dunha mobilidade inclusiva e sostible. Nestes momentos, o acceso actual ao Parque da Natureza do Río Barosa está pensado unicamente para a circulación de vehículos, polo que a maioría dos visitantes que se achegan a pé teñen que convivir nesta vía con evidentes problemas de seguridade. Deste xeito, cos recursos provinciais crearase unha contorna de mobilidade segura para os peóns que contempla itinerarios seguros, tanto peonís como para bicicletas. Tamén se porá en valor o parque e mellorarán os servizos cunha nova canalización de augas pluviais e rede de iluminación pública con tecnoloxía LED.

O deputado provincial lembrou que "somos un goberno que escoita as demandas e atende as necesidades dos concellos" con iniciativas como o Plan Extra, "que ascende aos 38 millóns de euros para financiar proxectos estratéxicos nos concellos", ou o Plan +Provincia, "que dotado con 48,2 millóns de euros é o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación". Ricardo Martínez asegurou que "o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra avance como nunca antes fixera", e "estes plans provinciais están a permitir que os concellos afronten investimentos e actuacións que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida da nosa xente e que sen os recursos da Deputación serían impensables".