A Deputación aproba o expediente para contratar unha empresa que realice as obras de conservación da Casa de Combarro
O presidente, Luis López, asegurou que “imos investir 116.000 euros para acondicionar este espazo, propiedade da Deputación, e cederllo en condicións axeitadas ao Concello de Poio por un período de 30 anos, para que poida situar aí un centro de promoción turística”
19/01/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar unha empresa que realice as obras de conservación da Casa de Combarro. Neste espazo, adquirido pola institución provincial en 1958, investiranse 116.000 euros para, en palabras do presidente, “acondicionalo e cederllo en condicións axeitadas ao Concello de Poio por un período de 30 anos, para que poida situar aí un centro de promoción turística e de posta en valor do seu patrimonio histórico-cultural”.
As obras, que terán unha duración de arredor de catro meses, permitirán conservar e manter esta edificación para mellorar a súa salubridade, habitabilidade e eficiencia enerxética. Os traballos inclúen substituír a cubrición de tella con illamento no espazo baixo a cuberta, revisar a estrutura de madeira de soporte da cuberta para substituír os elementos en mal estado, reparar o canlón medianeiro, limpar a fachada de pedra de maneira manual, revisar o encintado na pedra ou substituír as carpinterías exteriores e as contras de madeira.
Ademais, tamén se procederá a implantar un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia e outro de ventilación con recuperador de calor, colocar novas luminarias led en todas as estancias, renovar a instalación eléctrica para adaptala ás novas necesidades e á normativa vixente, remodelar o aseo e executar unha nova instalación de fontanería e saneamento, e finalmente acondicionar as paredes e teitos do inmoble.