A Deputación promociona a provincia este xoves en Barcelona da man de 25 empresas e entidades pontevedresas
A deputada de Turismo, Nava Castro, dará a coñecer no espazo Esklandestino da Cidade Condal a oferta turística da provincia para gozar dela todo o ano
18/10/2023
A Deputación de Pontevedra, representada pola deputada de Turismo, Nava Castro, promociona este xoves a provincia no espazo Esklandestino, en Barcelona, da man de 25 empresas do sector turístico provincial. O sector público e o privado presentarán conxuntamente as alternativas existentes para gozar de Pontevedra ao longo de todo o ano. As empresas pontevedresas manterán encontros de traballo con máis de cincuenta entidades de Barcelona, Badalona, Castelldefels, Sant Quirze del Vallès, Capellades, Cabrils, Terrassa, Sant Vicenç dels Horts, Torelló, Canet de Mar e Santpedor.
“Pontevedra é moito máis que sol e praia”, remarcou Castro e fixo fincapé en que a provincia ofrece innumerables alternativas para desfrutar durante todo o ano; é precisamente neste aspecto no que vai centrar a súa intervención na reunión de traballo en Barcelona. “Veñen agora por diante unhas datas cheas de maxia e o Nadal en Pontevedra é espectacular. Tamén temos un Entroido único, con propostas singulares e moi diferentes, coma os Xenerais do Ulla ou as Madamas e os Galáns de Cobres. E se a isto lle engadimos unha gastronomía con produtos tan especiais que se converteron en embaixadores da nosa provincia, uns viños Denominación de Orixe Rías Baixas recoñecidos en todo o mundo, unha oferta termal de calidade ou as múltiples opcións de camiños cara a Santiago que discorren pola provincia, sobran os motivos para visitar Pontevedra”, subliñou a deputada. Ademais, Nava Castro aproveitará a ocasión para anunciar que o Goberno provincial fará un esforzo considerable por impulsar o turismo MICE ou de reunións, incentivos, congresos, eventos e exposicións en lugares coma o Castelo de Soutomaior, “espectacular para, entre outras cuestións, celebrar congresos especializados en turismo”.
A reunión de traballo comezará ás 19:45 horas coa recepción das empresas da provincia de Barcelona en Esklandestino, situado en Espai Serrahima, no Carrer de Mèxic de Barcelona. Os encontros entre empresas pontevedresas e barcelonesas estenderanse ata as 21:45 horas, cando comezará a presentación do destino Rías Baixas cunha actuación musical de Narci Rodríguez ―que tamén pechará o evento―acompañada de imaxes da provincia de Pontevedra. Posteriormente, a deputada provincial Nava Castro e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, darán a coñecer a oferta turística e as alternativas existentes para gozar de Pontevedra durante todo o ano. Finalmente, proxectaranse máis audiovisuais e imaxes da provincia e terá lugar un cóctel degustación.
Entre as empresas da provincia de Pontevedra atópanse axencias de viaxe coma Galiwonders, Viajes Celtravel, Circuitos Galicia Viajes, Viajes Interrías, Vio Viajes, Tee Travel e Simply Galicia; hoteis coma Villa Covelo, Zenit Vigo, Talaso Atlántico, Hotel Alfonso I, Alda Hotels, Pazo Los Escudos, Veiga Mariña hotel rural, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Bahía de Vigo e Hotel Attica 21 Vigo; outros aloxamentos, entre eles Galicia Villas e Casa do Sear, e oferta complementaria representada por Bodegas Vionta, Paco&Lola, Bodegas Terras Gauda, Piragüilla Ocio y Aventura, Ocean Secrets e o castelo de Soutomaior. Todas estas empresas terán a oportunidade de contactar con máis de cincuenta empresas barcelonesas procedentes de localidades coma Barcelona, Badalona, Castelldefels, Sant Quirze del Vallès, Capellades, Cabrils, Terrassa, Sant Vicenç dels Horts, Torelló, Canet de Mar ou Santpedor, entre as que destacan, principalmente, axencias de viaxe que amosaron de antemán a súa vontade de coñecer o destino con maior profundidade, contactar con provedores e turoperadores da zona e explorar as posibilidades que ofrece Pontevedra para acoller eventos MICE.