A Deputación promociona a provincia como destino turístico en dous workshops con empresas do sector en Barcelona e Alacante

Unha delegación formada por representantes da Deputación e unha vintena de empresas da provincia viaxan os días 18 e 19 de outubro para participar en encontros de traballo para trazar estratexias e alianzas que atraian novos visitantes

13/10/2023

A promoción da provincia como destino turístico está a ser un dos principais obxectivos do goberno da Deputación. Con esta intención, representantes do ente provincial e dunha vintena de empresas do sector turístico viaxan os próximos días 18 e 19 de outubro a Barcelona e Alacante para reunirse con axentes de ambas as cidades e trazar estratexias e accións conxuntas que traian novos visitantes ás Rías Baixas. “Seguimos traballando no noso obxectivo de compartir con todo o mundo que Pontevedra é desfrutar”, afirmou o presidente da Deputación, Luis López, para explicar o motivo desta actividade.

Trátanse de encontros en colaboración co sector turístico privado nos que vinte empresas da provincia manterán reunións profesionais cun cento de empresas de ambas as cidades para compartir experiencias. Estas reunións consistirán na presentación do destino e unha degustación de produtos gastronómicos.

“Seleccionamos Barcelona e Alacante porque son importantes mercados emisores para o destino Rías Baixas”, argumentou Luis López. No caso da cidade condal, é a segunda urbe máis poboada de España e resulta moi interesante pola renda per cápita, o volume de visitantes e a conexión aérea directa. Mentres que no caso de Alacante, destaca o peso poboacional da súa área metropolitana e as melloras da conexión coa provincia.