O Pleno da Deputación aproba un Plan Concellos 2023 en cifras históricas e que destina aos municipios de menos de 20.000 habitantes máis do 77% do total

Carlos Font: “Seguimos a ser a Deputación que máis fondos transfire, cun 33,7%. É imposible viaxar pola provincia sen dar coas pegadas do Plan Concellos en cada esquina”

28/10/2022

PLENO

O Plan Concellos 2023 máis elevado da historia, dotado con 44 millóns para o financiamento regrado dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, xa é unha realidade. O instrumento de financiación municipal máis investidor na provincia de Pontevedra foi aprobado no Pleno da Deputación cos votos favorables dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do Partido Popular. Un Plan Concellos que crece nun millón de euros sobre o actual e que destina integramente esta suba a reforzar a liquidez dos concellos de menos de 20.000 habitantes para axudarlles a afrontar os retos da crise de inflación global.

O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, destacou que a Deputación volve responder, como fai ano tras ano, achegando máis recursos e máis mecanismos para afrontar a difícil situación económica internacional, agravada pola “guerra de Putin”, e poñendo en marcha novos mecanismos para asegurar non só a liquidez, senón tamén a creación de emprego, todo elo para continuar garantindo dereitos e servizos na provincia. A este respecto recordou que este ano introdúcese aínda máis flexibilidade abrindo a posibilidade de desviar ata un 30% dos fondos da liña 1 do Plan Concellos (Investimentos) ata á liña 2 (Pagos a provedores, débeda e gasto corrente). Ademais, a liña 3 (Emprego) reformúlase para adaptala á Reforma Laboral poñendo en marcha así un Programa propio de Políticas Activas de Emprego.

O Plan estrutúrase en 30,5 millóns para Investimentos, 4 millóns para pagos e gasto corrente (absorbe integramente o millón de euros adicional) e outros 9,5 millóns para financiar a nova liña 3 de emprego. Da aposta do Plan Concellos polos municipios de menor poboación dá conta o feito de que os 37 concellos de menos de 10.000 habitantes reciben 19.941.979 euros (o 45,32% do total); os 14 concellos de ata 20.000 habitantes, 14.057.498 euros (o 31,95%) e, finalmente, os 8 municipios que superan os 20.000 habitantes e non chegan a 50.000 habitantes, reciben 10.000.523 euros (un 22,73%). “Polo tanto, o 77,27% dos cartos do Plan Concellos van a municipios pequenos e medianos que, ademais, terán un millón máis que o ano pasado. Reciben 34 millóns sobre os 44 do Plan”, recalcou Carlos Font.

“Un ano máis poñemos esta ferramenta de éxito recoñecido ao dispor dos concellos para continuar coa recuperación social e económica trala pandemia. Reforzamos o noso papel máis municipalista, o papel desta institución como a mellor aliada dos concellos e repetimos o logro de ser a Deputación de toda España que máis transferencias fai aos concellos, cun 33,7% dos recursos totais, segundo os informes do Ministerio de Facenda”. Carlos Font puxo tamén o acento na aprobación temperá do Plan Concellos, que permite ao municipalismo da provincia adiantar a súa planificación para o ano próximo. Afirmou que o Plan Concellos aséntase sobre tres piares: “un plan para todos, un plan de respecto á autonomía local e un plan de  equidade, ao repartirse con criterios obxectivos e transparentes por enriba da cor política das alcaldías”.

Os 30,5 millóns do Fondo Local base da Xunta contra os 44 millóns do Plan Concellos

Font falou das 2.913 obras executadas dende 2016 ata agora, as 1.440 accións de pago, gasto corrente e actividades socioculturais e dos 7.007 postos de traballo creados para atender servizos municipais. Todo elo cos 340 millóns de euros (267 millóns para os concellos pequenos e medianos) repartidos con transparencia dende 2016, cifras que cualificou como “demoledoras”. “Iso é do que estamos a falar, do maior programa de financiamento da historia desta provincia, ata o punto de que é imposible viaxar sen atoparse coas pegadas do Plan Concellos en cada esquina”. “Os datos son o que vale”, remarcou, en contraste coa “guerra política, sen ningún, dato do PP”. O responsable provincial de Economía e Facenda comparou o financiamento regrado da Deputación, que crece ano tras ano,  coa conxelación do Fondo de Cooperación Local base da Xunta, que permanece en 112,9 millóns de euros para os 313 concellos de toda Galicia dende o ano 2011, sen actualizar sequera a inflación. “A Xunta só contribúe ao financiamento obxectivo dos concellos da nosa provincia con 30,5 millóns de euros, mentres que o Plan Concellos achega 44 millóns de euros”.

O vicepresidente, César Mosquera, botou en falta un debate serio sobre o financiamento dos concellos. “A Deputación fai un esforzo ímprobo porque o gasto por habitante que reciben os concellos de menos de 10.000 habitantes multiplica por 4 o que perciben os concellos de máis de 50.000 habitantes desta provincia”, explicou.

O Pleno aprobou tamén, cos 16 votos a favor de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, unha modificación de crédito por 6,47 millóns de euros que Carlos Font definiu como o “broche final” ao Orzamento vixente de 2022. A modificación posibilitará a execución de novas obras de mobilidade integral nas estradas provinciais por valor de 5,66 millóns de euros e, ademais, a aplicación da compensación ao persoal da Deputación derivada do Real Decreto Lei sobre medidas de protección aos consumidores de enerxía e de retribución ao servicio do sector público, que se traducirá nun incremento das retribucións deste ano dun 1,5%. A maiores coa modificación financiarase a adaptación do novo espazo da Imprenta Provincial dentro do Centro Príncipe Felipe, en Pontevedra, e financiaranse as achegas provinciais necesarias para a posta en marcha de tres proxectos europeos, dous deles de turismo sostible (“Camiños do Deza” e  “Entrerríos-Condado-Paradanta”) e un terceiro de índole empresarial (“Acelera Pyme”). Finalmente, a modificación do Orzamento financiará un novo programa de cine musicalizado polas bandas de música da provincia e as subvencións nominativas para os concellos que asumiron a xestión directa das escolas deportivas da especialidade de patinaxe.

Cesión ao Concello de Lalín de edificacións da finca de Mouriscade

O Pleno da Deputación aprobou, por unanimidade, a solicitude do Concello de Lalín para a cesión do antigo laboratorio, a casona e as edificacións auxiliares da finca de Mouriscade, ademais dunha superficie de 723 metros cadrados anexa á estrada municipal co fin de garantir a ampliación da súa plataforma a 8 metros. Con estas cesións, a Deputación volve colaborar con Lalín, neste caso para a materialización do proxecto “Espazo Mouriscade”. O conxunto das instalacións e parcelas foi valorado en 1.315.597 euros. O Concello lalinense pretende dar unha nova vida a este espazo conectándoo coa área recreativa do río Asneiro e creando un centro sobre o mundo rural. O acordo de aprobación inicial do expediente de cesión será agora sometido a exposición pública.

Finalmente, o Pleno desbotou, cos votos maioritarios do Goberno provincial, a moción  presentada polo Partido Popular para a creación dunha liña de subvencións dirixida especificamente a comunidades veciñais de augas. O informe da Secretaría provincial solicitado polo grupo popular desbotou explicitamente esta posibilidade ao advertir de que as competencias no abastecemento son de titularidade municipal polo que desaconsella dirixir axudas directas ás entidades que xestionan as traídas veciñais. O Goberno provincial acusou ao PP de pedir informes para logo non aceptalos. Ademais respondeu alegando que a Xunta de Galicia recada o canon da auga en toda a comunidade autónoma (fiscalidade que vai incrementar cos novos cánones de colectores e depuradoras), pero sen embargo dirixe os investimentos en materia hidráulica de xeito discrecional, fundamentalmente cara concellos gobernados polo PP. Por este motivo, Carlos Font anunciou que enviará o texto da moción “popular” á Xunta, por se a estima de interese. Tamén quedou desbotada, sen debate ao non ser un asunto de competencia local, outra moción do grupo conservador sobre os Orzamentos do Estado para 2023.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.