A Deputación aproba novos recursos do Plan Concellos por 2 millóns para que dez municipios da provincia poidan contratar 176 persoas
As achegas da Liña 3 de Emprego benefician a Redondela, Fornelos, Lalín, Poio, Vilagarcía, Silleda, Campo Lameiro, O Porriño, Arbo e A Estrada
13/01/2023
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a dez novas achegas da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2023 por importe de 2 millóns de euros, que beneficiarán aos concellos de Fornelos, Lalín, Poio, Vilagarcía, Redondela, Silleda, Campo Lameiro, O Porriño, Arbo e A Estrada e que permitirán contratar a un total de 176 persoas. Estes novos recursos, como subliñou a presidenta, Carmela Silva, permitirán aos concellos “desenvolver actividades fundamentais” con persoal para os servizos municipais de limpeza, coidado de xardíns ou obras públicas, aínda que tamén se buscan outros perfís como persoas guías turísticas, técnicos/as economistas, historiadores/as de Arte ou auxiliares de enfermería.
Na comarca de Vigo, o Concello de Fornelos de Montes recibirá 89.887€ para contratar 11 persoas, mentres que O Porriño poderá empregar a 21 traballadores/as coa achega provincial de 210.186€ e Redondela contará con 237.359€ para financiar 15 contratos.
Por outra banda, na comarcas de Deza e Terra de Montes, Lalín poderá contratar a 26 persoas coa achega de 312.948€; o Concello da Estrada recibirá 311.674€, cos que poderá empregar a 19 persoas e para Silleda aprobáronse 185.541€ para contratar a 12 traballadores/as.
Na comarca de Pontevedra, o Concello de Poio contará cunha achega de 233.986€ para contratar 23 persoas e Campo Lameiro recibirá 86.553€, cos que poderá empregar a 10 traballadores/as. Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou para Vilagarcía, na comarca do Salnés, unha achega de 285.948€, que lle permitirá contratar a 30 persoas e, na comarca do Condado, o Concello de Arbo recibirá 99.873€ para empregar a 9 traballadores/as.