A Deputación investiu máis dun millón de euros na transformación integral e na recuperación dos núcleos tradicionais da Seara en Poio

O Concello beneficiouse de 500.000 € a través do DepoRemse e 510.000 € do Plan Concellos para levar a mobilidade sostible á principal vía de Seara e ao Camiño Casal

22/03/2023

Obras vía Seara camiño Casal en Poio

A transformación integral do núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán de Poio, é xa unha realidade co impulso dos recursos da Deputación, que ten investido máis dun millón de euros a través de tres proxectos de recuperación das contornas tradicionais e de mellora da mobilidade e a seguridade viaria financiados cos plans DepoRemse (500.000 €) e Concellos (tres achegas por importe de 501.000 euros). A presidenta provincial xunto ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, e o deputado de infraestruturas Gregorio Agís, visitaron as actuacións que “son –en palabras de Carmela Silva– o exemplo de que, grazas á complicidade e do traballo conxunto que temos a Deputación e o Concello nos últimos tempos, se pode facer fronte a unha gran transformación que antes non era posible porque os concellos non contaban con estes grandes investimentos da institución provincial”.

Carmela Silva puxo en valor que as obras “seguen os parámetros que compartimos as dúas administracións: recuperación do espazo público para as persoas e mellora da calidade urbana”, e salientou que “o Concello de Poio traballa en todas as parroquias porque as ten como un elemento de referencia na súa planificación do cambio”, polo que “todas as persoas obteñen os mesmos servizos, equipamentos e dereitos e conseguen vivir en espazos tan fermosos como este núcleo”. A Seara, asegurou, “está irrecoñecible tralas obras”, e destacou actuacións como a dotación de plataforma única e a renovación do saneamento e da iluminación con criterios de aforro e respecto ao medio ambiente. O antes e o despois, asegurou, é “un cambio transcendental que me fai absolutamente feliz, porque traballamos co concello para que a súa veciñanza teña calidade de vida”.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, agradeceu a Deputación o esforzo económico porque “temos a oportunidade de optar a plans con recursos fixos e suficientes para poder acometer obras cun horizonte e garantías”, e instou a seguir traballando da man “para reconstruír o benestar da cidadanía, que é o que a xente quere”. Sobral salientou que este proxecto “global” supuxo a actuación “tanto na vía como nos servizos públicos” e puxo o foco en que esta zona é o antigo Camiño Real, a vía primitiva que comunicaba anteriormente Pontevedra co Grove, polo que “procuramos darlle un acabado que tivese que ver co que era o seu espírito orixinal, e creo que acertamos”.

Na contorna da Seara, a Deputación investiu 660.000 euros na actuación integral de mellora da mobilidade e da seguridade viaria, cunha inxección de 500.000 € a través do DepoRemse e outros 160.000 € do Plan Concellos. Tamén nesta mesma zona de actuación, a recuperación da contorna tradicional na Travesía Seara 1ª puido completar a transformación total do núcleo grazas a unha partida de 170.000 € procedente do Plan Concellos 2021. A carón desta zona, o Concello de Poio fixo fronte á recuperación do Camiño Casal cunha axuda de 180.000 € tamén procedente do Plan Concellos 2021. Estes dous proxectos, xunto coa recuperación do camiño tradicional de Lameiriña en Raxó, supoñen todos os recursos da liña 1 de investimentos do Plan Concellos desa anualidade.

A contorna da Seara caracterízase por ter unha configuración urbanística característica das contornas tradicionais, e ao seu arredor sitúanse numerosos puntos de elevado tránsito de persoas: o colexio Isidora Riestra, o centro da Comunidade de Montes de San Xoán, instalacións deportivas, o centro formativo e de Protección Civil, o Parque da Memoria, a Ruta dos Muíños da Freixa e tamén a Casa do Concello mailo Mosteiro de Poio –o obxecto do plan extraordinario DepoRemse era precisamente transformar os espazos públicos cunha elevada atracción–. As achegas da Deputación permitiron actuar nun treito de 934 metros do Camiño Casal e outro de 750 metros entre a Travesía Seara 1ª, a Travesía Seara 2ª, o Camiño Reiboa e un pequeno carreiro peonil.

A través destas actuacións, que comparten filosofía, conseguiuse mellorar a mobilidade e a seguridade viaria da contorna da Seara e o Camiño Casal, eliminar as barreiras arquitectónicas e de accesibilidade e xerar unha plataforma única de circulación con prioridade peonil fronte aos vehículos para a estancia e encontro das persoas e o seu desprazamento a pé. Deste xeito solucionáronse as beirarrúas estreitas que dificultaban a mobilidade peonil e difuminouse o “efecto barreira” que provoca o tráfico rodado a altas velocidades. Mellorouse o firme e renovouse o pavimento con lastros de granito, reduciuse a velocidade a 30 km/h, dotouse á zona de redutores de velocidade, adaptáronse rasantes, renováronse sinais e alumeado público con luminarias LED, rehabilitáronse as redes de saneamento e augas pluviais, e soterráronse as instalacións de subministración eléctrica e de telecomunicacións. Ademais, puxéronse en valor as pontes como elemento prioritario do patrimonio: recuperáronse as marxes, mellorouse a circulación natural da auga e garantíronse anchos de vía seguros para ser percorridos en condicións óptimas.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.